| Amigos da Terra reitera que unha segunda planta incineradora non é a solución |
| Escrito por Montse Fernández |
| Martes, 10 Maio 2011 12:33 |
|
Amigos da Terra considera que a creación dunha nova planta incineradora en Galicia non é a solución adecuada para a xestión do gran volume de residuos xerados na nosa comunidade, e reclama para Galicia unha aposta clara pola redución, a compostaxe e a descentralización na xestión de residuos, como as mellores solucións para este problema. A Consellería de Industria anunciou esta mañá, que Dozón, é o municipio elixido para acoller a nova incineradora.
A Xunta de Galicia, volve a apostar por un modelo fracasado, que lonxe de rematar cunha problemática, non fai máis que perpetuala e hipotecar o futuro de galegas e galegos. A nova planta, tratará cerca de 900.000 toneladas de residuos, converténdose na incineradora máis grande de España, tras a planta de Son Reus, con 700.000 toneladas.
Galicia, líder en incineración Cada galego e galega xera na actualidade 442 kg de residuos ao ano, dato que nos sitúa por debaixo da media española (preto dos 600 kg) e aínda máis abaixo da media da UE. En cambio, en Galicia a Xunta incinera o 42,5% dos Residuos Sólidos Urbanos. Tendo en conta que a media europea está no 20%, e a española non chega ao 10% do total de residuos xerados, podemos concluír que Galicia ten o dubidoso mérito de ser hoxe unha das rexións lideres da incineración en España e en Europa.
A construción dunha segunda planta incineradora no sur de Galicia, colocaríanos entorno aos 375 Kg de lixo por galego que anualmente serían enviados a incinerar. Unha cifra só superada hoxe por Dinamarca, con algo máis de 400 kg.
Que modelo de xestión de residuos queremos para Galicia ? O goberno galego aposta polo modelo danés, que non conseguiu conter a xeración de residuos (801kg/persoa e ano, récord europeo) nin as emisións e riscos da queima do lixo (427kg/persoa e ano son enviados a incinerar).
Pero lonxe deste modelo, existen en Europa rexións que están a xestionar os seus residuos minimizando a incineración. A rexión de Flandes en Bélxica, é o espello no que a Xunta que Galicia se debe mirar de cara ao futuro. Esta rexión conseguiu reducir nun 73% a xeración de residuos entre 1996 e 2006 e segundo datos do 2007, recicla e composta o 75% dos seus residuos.
Por iso, dende Amigos da Terra propoñemos que en Galicia se faga unha aposta decidida pola redución na xeración de residuos, lonxe do escaso 10 % que establece o novo plan de residuos de Galicia de cara a 2020. Así mesmo, reclamamos para Galicia unha aposta clara pola compostaxe seguindo ao exemplo de Flandes, e a descentralización na xestión de residuos. |





