| A compostaxe, a reutilización e a reciclaxe xerarían moitos máis postos de traballo |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Venres, 09 Decembro 2011 21:30 |
|
Amigos da Terra considera que a creación dunha nova planta incineradora en Galicia non é a solución adecuada para a xestión do gran volume de residuos xerados na nosa comunidade, e reclama para Galicia unha aposta clara pola redución, a compostaxe e a descentralización na xestión de residuos, como as mellores solucións para este problema.
A Xunta de Galicia, volve a apostar por un modelo fracasado, que lonxe de rematar cunha problemática, non fai máis que perpetuala e hipotecar o futuro de galegas e galegos.
Compre lembrar que a incineración é unha das principais fontes de gases de efecto invernadoiro en Galicia así como a emisión de dioxinas, o tóxico canceríxeno máis potente que se coñece. Igualmente a enerxía producida apenas é suficiente para abastecer o consumo da propia planta.
Prevese que a nova planta proxectada para o Sur de Galicia podería aportar entre 250 empregos directos, unha auténtica miseria tendo en conta os empregos que se poderían xerar apostando pola compostaxe comunitaria.
Segundo informes recentes (Support in the Drafting of an ExIA on the Thematic Strategy on the Prevention and Recycling of Waste (TSPRW) do ano 2005, fixan en 241 os postos creados por cada 100.000 toneladas de residuos reciclados frente aos que se crean se se aposta pola incineración, que oscilan entre 19 e 41.
Ademáis no informe "More jobs, less waste", ("Máis emprego, menos residuos" e traducido ao castelán) elaborado por Friends of the Earth Internacional en setembro de 2010, exponse que os sistemas de xestion de tratamento de residuos coma as instalacións de plantas de compostaxe, o fomento dunha industria do retorno e a reciclaxe de residuos e apostando pola redución en orixe crearíanse dez veces máis empregos por tonelada de residuos que a vertedura ou a incineración.
Polo tanto, a construcción dunha planta de incineración contribuiría escasamente a creación de emprego e máis ben a súa destrucción. Así o argumento da creación de emprego non pode ser unha xustificación e debería denegarse calquera permiso ou calquera autorización administrativa para a instalación dunha planta incineradora.
Que modelo de xestión de residuos queremos para Galicia? O goberno galego aposta polo modelo danés, que non conseguiu conter a xeración de residuos (801kg/persoa e ano, récord europeo) nin as emisións e riscos da queima do lixo (427kg/persoa e ano son enviados a incinerar).
Pero lonxe deste modelo, existen en Europa rexións que están a xestionar os seus residuos minimizando a incineración. A rexión de Flandes en Bélxica, é o espello no que a Xunta que Galicia se debe mirar de cara ao futuro. Esta rexión conseguiu reducir nun 73% a xeración de residuos entre 1996 e 2006 e segundo datos do 2007, recicla e composta o 75% dos seus residuos.
Por iso, dende Amigos da Terra propoñemos que en Galicia se faga unha aposta decidida pola redución na xeración de residuos, lonxe do escaso 10 % que establece o novo plan de residuos de Galicia de cara a 2020. Así mesmo, reclamamos para Galicia unha aposta clara pola compostaxe seguindo ao exemplo da rexión belga de Flandes, e a descentralización na xestión de residuos como as mellores solucións para este problema.
Para máis información podedes consultar aqui >>> |





