Portada Novas O valor xurídico das Alegacións
O valor xurídico das Alegacións
Escrito por Montse Valencia   
Martes, 23 Xuño 2009 08:47
As alegacións son un dos poucos instrumentos a disposición da cidadanía para expór os seus argumentos sobre decisións públicas que poden afectar ao medio ambiente.
Segundo Amigos da Terra, cando o cidadán presenta as súas alegacións, está exercitando o dereito a participar no trámite de información pública. As alegacións son presentadas nun periodo de tempo fixado que soe ser de trinta días e todo aquelo presentado fora do mesmo, non será tido en conta.

Pero unha vez cumprido o requisito da temporalidade e presentando unha serie de argumentacións fundamentadas, como é o caso dos escritos que presenta Amigos da Terra que conta cun equipo multidisciplinar, cal é o papel que interpreta a Administración unha vez reciba o escrito de alegacións?

Dun lado, o artigo 8 do Convenio de Aarhus establece que a Parte (Estado membro) esforzarase en promover “unha participación efectiva do público” adoptando disposicións tales como a fixación dun prazo que permita a efectiva participación, a necesidade de publicar un proxecto que estea a disposición do público (senon hai información ambiental previa, o cidadán non poderá exercitar de modo real e efectivo, a participación) e, finalmente, poderanse presentar as observacións oportunas.

Pola súa parte, o artigo 18 da Lei 27/2006, de trasposición da directiva de acceso á participación pública, recolle que as Administracións públicas “asegurarán que se observen as garantías en materia de participación” e remite, a súa vez, ao artigo 16 que cita expresamente que, unha vez se examinen as opinións polo público, informarase ao mesmo das decisións adoptadas e dos motivos nos que se basean ditas decisións. Amigos da Terra denuncia, neste punto, que nunca se tomou en conta o tenor deste artigo xa que de modo reiterado, as Administracións nin incorporan as alegacións aos proxectos, nin remiten contestación a quen elabora e envía ditas alegacións.

Namentres, a Constitución Española, artigo 9.2, promove que sexan os poderes públicos que deben facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social. A esta redacción engádese o regulado pola Lei 30/92, do Procedemento Administrativo Común, que no seu artigo 86.3, establece que aqueles que presenten alegacións ou observacións no trámite de información pública, “teñen dereito a obter da Administración unha resposta razoada”.

Por que esta obriga administrativa é reiteradamente incumprida?

Existen algunhas sentenzas do Tribunal Supremo que acollen as alegacións non coma un mero trámite administrativo, senón coma un verdadeiro elemento substantivo do proceso que os órganos administrativos non poden ignorar.

Unha vez os alegantes somos conscientes dos dereitos que nos outorgan as leis, solamente queda exercitar ditos dereitos e esixir ás administracións que fagan valer os mesmos.

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.