| Xornadas Itinerantes Xurídico – Ambientais |
| Escrito por Montse Fernández |
| Martes, 10 Novembro 2009 11:32 |
|
Amigos da Terra organiza estas xornadas abertas de dereito ambiental que teñen o seu punto de partida este venres no Campus universitario de Lugo. Á xornada de Lugo seguirá posteriormente a de Santiago de Compostela o vindeiro martes e rematarán en Vigo, o venres 20 de novembro.
Dentro do módulo de “Educación Ambiental” a cargo da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, a asesora xurídica de Amigos da Terra, impartirá unha xornada de dereito e medio ambiente. As prazas para participar neste módulo están xa pechadas. En Santiago de Compostela celebrarase a xornada o martes 17 ás 16 horas na Biblioteca Pública Ánxel Casal e no Centro Cívico do Casco Vello de Vigo, o venres 20 ás 19 horas. Nestas dúas cidades aínda é posible a inscrición de participantes poñéndose en contacto coa asociación ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo . Con estas xornadas xurídicas Amigos da Terra pretende por unha banda, continuar coa súa actividade de formación e difusión do dereito ambiental e polo outro, consolidar este tipo de xornadas para que exista a opción de centrar certos estudos e sectores específicos na problemática ambiental xeral.
A temática centrarase no eido da denuncia ambiental, analizando a lexislación e plantexando os distintos problemas da súa implementación e as trabas burocráticas coas que se atopa o cidadán á hora de pór en coñecemento da autoridade competente unha agresión ambiental. En primeiro termo, realizarase unha pequena introdución ao dereito ambiental, o concepto e a orixe do mesmo.
En segundo termo, e sen dúbida o máis importante, analizaranse os mecanismos de denuncia de que dispón o cidadán para facer efectivo o cumprimento da normativa ambiental. Realizarase una breve exposición fotográfica onde se verán exemplos das distintas infraccións ou delitos ambientais acometidos por empresas, administracións ou cidadáns. Pecharase a Xornada coas dúbidas e debate dos participantes.
Amigos da Terra entregará documentación sobre dereito ambiental e información sobre a propia asociación e o Centro de Educación Ambiental As Corcerizas. Ademais agasallará aos/ás participantes cun bolígrafo biodegradable.
|



