| Amigos da Terra pon a disposición da cidadanía de Vigo o seu servizo de asesoría xurídica gratuíta |
| Escrito por Montse Valencia |
| Luns, 08 Novembro 2010 09:57 |
|
O departamento xurídico da asociación ecoloxista, que leva traballando en Galicia trece anos, prestará os seus servizos de asesoramento xurídico do 8 ao 12 de novembro, na nova sede da organización na cidade olívica.
Amigos da Terra apostou pola defensa ambiental dende un punto de vista xurídico desde o comezo da súa andaina galega fai trece anos. Durante este tempo, traballou no asesoramento xurídico ambiental resolvendo dúbidas de carácter legal, tramitando denuncias e recursos administrativos e, doutro lado, impartindo formación nun eido que continúa sendo a materia pendente de moitos programas políticos. Na actualidade é o propio cidadán o que demanda unha maior protección ambiental e a esixencia do cumprimento das normas tanto por entidades públicas como por empresas privadas. Tamén hai cidadáns anónimos que en moitos casos por descoñecemento actúan neglixentemente. Hai que ensinar ao pobo que é unha agresión ambiental e como atallala.
A prestación gratuíta dun servizo xurídico especializado na defensa do medio ambiente é unha necesidade amplamente ndemandada polos cidadáns e non facilitada polas administracións. O servizo xurídico de Amigos da Terra non suple o traballo das autoridades, senón que o complementa e fai de interlocutora entre as necesidades da cidadanía en materia ambiental e as administracións.
O propósito de Amigos da Terra con esta iniciativa é contribuír á conservación do medio ambiente costeiro, mediante este servizo de asesoramento xurídico gratuíto en Vigo unha semana ao mes.
Aqueles cidadáns ou entidades interesadas en recibir asesoramento xurídico gratuíto en relación á protección ambiental poderán dirixirse ao novo local que Amigos da Terra ven de inaugurar, xunto coa Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO), na rúa Policarpo Sanz 17, 1ºD. |




