| Medio Ambiente contesta ás alegacións presentadas ás DOT e incorpora a educación ambiental |
| Escrito por Montse Valencia |
| Martes, 21 Decembro 2010 16:30 |
|
O pasado mes de setembro Amigos da Terra presentou ante a Consellería de Medio Ambiente o texto que recollía as alegacións contra as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) de Galicia.
As DOT deben establecer os eixes básicos de actuación futura sobre o medio ambiente, os recursos naturais, a paisaxe, os espazos urbanos, industriais e rurais, as infraestruturas, os equipamentos, o gran patrimonio histórico e cultural e a sempre esquecida educación ambiental.
Por elo, as achegas feitas pola asociación baseáronse principalmente na falta de análise que presentaba o documento, xa que non se formulaba unha diagnosis dos problemas existentes e a definición dos criterios a adoptar en relación con ditos problemas. Sinalábase a ausencia dun modelo de desenvolvemento sostible no turismo, sendo unha das principais fontes económicas de Galicia con incidencia sobre o medio ambiente. Criticábase a ordenación municipal, como clara mostra de incongruencia administrativa. Sobre a erosión costeira, xa que non se protexía de xeito efectivo, ecolóxico e integral o litoral galego e sobre a educación ambiental, como a ferramenta para o desenvolvemento das políticas ambientais que nunca é integrada nas mesmas.
E neste senso a Consellería de Medio Ambiente decide incorporar a Educación Ambiental ao apartado 10 das DOT que queda redactado da seguinte maneira:
“10.1.21. Estas directrices terán na educación ambiental un dos seus instrumentos de aplicación e desenvolvemento. A tal fin, a Xunta de Galicia incluirá nos seus programas de educación ambiental actividades especialmente deseñadas para trasladar á poboación a importancia da ordenación territorial, urbanística e ambiental, dos procesos de participación pública asociados, así como da necesidade da contribución individual ao proxecto colectivo que tales actividades supoñen”.
Sobre esta liña de traballo fixeron especial fincapé a Sociedade Galega de Educación Ambiental e Amigos da Terra xa que a transversalidade da materia educativa non debe ser un feito aillado e sometido ao compromiso persoal dos políticos segundo a súa concienciación, senon que debe ser unha materia de obrigatoria incorporabilidade a todo o relacionado co medio ambiente galego e a educación. |




