Portada Residuos
Residuos

Amigos da Terra leva dez anos denunciando os problemas derivados da sociedade de consumo no referente á xeración de residuos, promovendo alternativas á súa xestión, que pasan, sen dúbida, por un cambio de dimensións estratéxicas nas políticas públicas, pero tamén por un cambio nos hábitos cotiás de galegos e galegas.

grafica_residuos

 

A raíz do problema reside na promoción dun modelo de crecemento baseado no consumo. Na nosa sociedade do “usar e tirar” o incremento dos residuos é proporcional ao crecemento da riqueza. A sobreembalaxe dos produtos industriais, a redución da súa vida útil, o aumento da poboación e a perigosa relación entre riqueza e produción de residuos deixan un panorama pouco alentador.

Un incremento anual na produción de lixo por habitante ano do 5% (o dobre que o PIB)1 en Galicia están a facer deste problema un reto no que Amigos da Terra ten moito que propor.

 

 

 

A situación en Galicia

En 2001, co “plan de xestión de residuos sólidos urbanos (RSU) de Galicia” que colocaba a incineración centralizada na planta de SOGAMA, como única solución á xestión do lixo, a necesidade de dar unha resposta e de aportar alternativas, fixo que se creara dende Amigos da Terra unha área de traballo específica para tratar esta problemática, cun primeiro obxectivo: promover modos de xestión de lixo alternativos ás prácticas contaminantes que existían ata o momento. Unha das vías polas que se apostaba xa daquela, e na que aínda se traballa é a compostaxe doméstica, unha alternativa máis que viable, por dúas razóns principais2:

  • A descentralización da xestión da parte orgánica (que representa preto do 50% en peso e volume do total), evitando a contaminación xerada polo transporte ás plantas xestoras e polo tanto o pago por parte de cidadáns e concellos.
  • O peche do ciclo dos residuos, que reduce perdas de enerxía producindo un insumo agrícola de altísima calidade.FotoBolsas

 

Pola contra, o modelo de xestión actual só nos deixa unha pobre porcentaxe de recuperación (un 8% de residuos3), 5 millóns de euros de beneficios para unha soa empresa e centos de miles de toneladas de residuos que forman xa unha inmensa pila de 1,8 millóns de toneladas4.

 

 

Foto gañadora do concurso fotográfico 2010 de FOEI

 

Temos solucións

Dende Amigos da Terra pensamos que o mellor residuo é aquel que non se produce e, sabemos que máis do 80% dos que se producen poderían ser reempregados ou reciclados, polo que propomos as seguintes liñas básicas de actuación5:

 

1. Promoción de políticas de prevención na xeración de residuos.

2. Mellora da recollida selectiva.

3.Promoción da xestión descentralizada facendo fincapé na compostaxe doméstica, todo isto acompañado do abandono da incineración.

 

05-compostaxe-4

 

Redución, descentralización e compostaxe constitúen polo tanto as liñas principais da área de residuos. A presión política destinada a convencer aos poderes públicos e económicos de que este é o camiño, e o traballo continuo na sensibilización dos cidadáns sobre as problemáticas derivadas do actual modelo de consumo son as ferramentas coas que Amigos da Terra traballa para acadar unha solución a este problema.

 

 

Programa de compostaxe doméstica O Barco de Valdeorras

 

1. El País, 6-9-07

2. Amigos da Terra, 2006

3. Xunta de Galicia, 2006

4. A empresa é SOGAMA, e os datos son do 2006.

5 .Amigos da Terra, 2007

 

 

 

 

 
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.