Amigos da Terra, a través dun eurodiputado de Bruxelas, leva directamente o caso da “Autovía A-76 Ponferrada-Ourense” á Comisión Europea.

O colectivo ecoloxista presentou hoxe as alegacións nas que fai especial fincapé no sempre cuestionable e abusivo interese xeral, como ferramenta que emprega a administración á hora de xustificar infraestruturas desta magnitude, e ás afeccións ambientais irreparables que causaría a mesma nun enclave privilexiado da Galicia oriental como é a Serra da Enciña da Lastra.

Esta Serra é merecedora dos títulos que nos últimos anos se lle veñen outorgando dende distintas administracións, non so a galega, a través da cal obtivo o título de Parque Natural, senón tamén a europea, por canto é territorio que integra a Rede Natura 2000, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección das Aves (ZEPA).

Cando se ve que vai ser inoperante levar o caso ante os órganos competentes da administración, autonómica ou estatal, porque o mero feito de plantexar a posibilidade de fracturar a Serra da Enciña da Lastra supón un despropósito demasiado elevado, o máis convinte é acudir á xustiza europea e avogar pola sensibilidade ambiental desta, obviando as carencias da concienciación administrativa galega.

Ademais, Galicia sitúase unha das primeiras comunidades do estado en canto á construción de infraestruturas de “comunicación”, pois ten asignado un 77% do presuposto ás mesmas polo que se conclúe que unha das maiores prioridades do goberno galego será a fracturación do territorio acabando con zonas ambientais de gran valor ecolóxico cuxa preservación é necesaria e obrigatoria para a pervivencia de moitas especies.

O caso da A-76 presenta moitas similitudes co que aconteceu en Polonia o pasado ano, no que as autoridades polacas proxectaban construír unha estrada que atravesaría unha importante paraxe da Rede Natura con bosques e humidais protexidos. A interposición dunha pregunta ante a Comisión, levou a esta a solicitar ao Tribunal de Xustiza Europeo, a execución de medidas provisionais paralizando de inmediato as obras e pondo fin ao proxecto.

Amigos da Terra espera que as autoridades competentes sobre o proxecto da A-76, reflexionen e non aproben o Estudo de Impacto Ambiental presentado e proxecten alternativas compatibles coa conservación do medio, ecolóxico, social e económico, e das especies.