O Valedor do Pobo continúa á espera da contestación da Consellería de Medio Ambiente respecto ao estado no que se atopa o borrador da Lei de Protección Animal de Galicia

Amigos da Terra solicitou en varias ocasións á Consellería de Medio Ambiente información sobre a fase na que se atopaba o borrador da Lei mencionada. Incluso en setembro foi enviado un escrito asinado por numerosos colectivos galegos que reclamaban a publicación do texto.

 

Concluído o periodo legalmente establecido dun mes no cal a Administración debera contestar ao reclamante da información, Amigos da Terra decidiu instar ao Valedor do Pobo para tentar acadar unha información ambiental que lle foi denegada por silencio ou “inactividade” da Administración de modo reiterado.

Pola súa parte, o Valedor enviou un escrito á asociación no que expón a súa falta de información xa que é a segunda vez que lle solicita a mesma á Consellería sen que recibira resposta ata o momento.

A escasos días das eleccións non se pode esperar a publicación do borrador da norma, pero si unha contestación sobre o estado no que a mesma se atopa. O programa “verde” dos partidos políticos actuais, inclúe a futura publicación da lei que servirá para regular de modo máis exhaustivo situacións de maltrato aos animais e de abandono que, ata o de agora, eran insuficientemente cualificadas.

Amigos da Terra, confía na futura publicación da norma, aínda que xa leva dous anos premendo por unha nova lei que substitúa o texto actual, obsoleto e que non engloba todas as situacións crueis que se producen sobre os animais.

Ademais reclama un maior compromiso por parte das administracións no tocante á protección dos dereitos dos animais e considera un grave erro excluír da lei, a protección de animais que se empregan para festexos e festas populares vaiso a feble desculpa de “tradición” que, na maioría dos casos, nin sequera se da.

Lei Marco de Protección Animal

As leis marco regulan materias de competencia estatal. Nembargante, o Estado español non dispón de lei marco de protección animal polo que a competencia recae exclusivamente sobre as Comunidades autónomas. Así, en España se atopan diferentes e moi dispares formas de regular a protección dos animais e, dependendo da comunidade onde se interpón a denuncia, o animal estará máis ou menos protexido. Por exemplo, en Navarra o maltrato ao animal acarrexa  multas que ascenden aos 3.000 euros, mentres que en Aragón son de 150.253 euros ou en Galicia, 15.000 euros.

A lei marco, que é reclamada por un 76% dos cidadáns, homoxeneizaría os contidos dos textos autonómicos polo que estas diferenzas de contías serían inexistentes impoñéndose un criterio casi unánime pois a lei estatal marcaría o baremo fora do cal non se podería regular nada por parte das autonomías do Estado.