O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais saiu publicado no DOG o 30 de marzo e ao contido do mesmo, para o caso de que o que plantexa sexa contrario á normativa vixente en relación aos Espazos Naturais (Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como ZEPVN), poderá recurrirse ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.


O Plan de Ordenación dos Recursos Naturais deste parque natural é o instrumento específico para a delimitación, tipificación, integración en rede e determinación da relación dos espazos naturais co resto do territorio, dos sistemas que integran o patrimonio e os recursos naturais deste espazo. As disposicións contidas nestes plans, constitúen un límite e unha condición indispensable coa que a administración pretende atallar o grave deterioro que sobre a natureza produce a acción do ser humano.

A Lei 9/2001, de conservación da natureza de Galicia, regula unha protección especial para certos espazos que conteñen uns valores excepcionais cuia prevención e protección debe vir determinada por lei. Tamén se pronuncia a este respecto a Lei do patrimonio e da biodiversidade, lei 42/2007, cando dispón de instrumentos básicos, como os PORN, para a conservación dos valores dos territorios para os cales foron outorgados.

Por último, a Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais, ofrece unha protección especial á serra do Xurés, por canto a mesma dispón de 29.762 has. incluidas na Rede Natura 2000 e cualificadas como Lugares de Importancia Comunitaria (LIC).

Pero nin a normativa europea, nin a estatal, nin a autonómica son capaces de pór freo aos múltiples incendios forestais que dende fai 2 semanas se suceden na serra do Xurés. Este espazo é de longo, obxectivo incendiario habitual e, polo tanto, non é novidosa a crecente producción dos incendios.

Tampouco é novidosa a inactividade administrativa para previr situacións que non se producen de modo esporádico, nin de forma novidosa, senón que, como resalta Amigos da Terra, se producen todos os anos non habendo, ata o de agora, investigacións abertas ou estudos que indiquen cales son as medidas que os órganos competentes van fomentar para pór freo á situación do Xurés.