Amigos da Terra di que lonxe de parecer un éxito lograr a concienciación inicial dos eurodeputados, esta norma contén un articulado pouco ambicioso e comprometido xa que o obxectivo inicial da Directiva era dar alternativas científicas á utilización de animais vivos na experimentación científica, e con iso reducir o método de investigación baseado no uso de animais pero, finalmente coa oposición da maioría parlamentaria do PP, do PSOE e de IU, non se acadou.


Hoxe a experimentación con animais provoca doenzas, sufrimento e morte a millóns de seres sentintes, e a miúdo de forma innecesaria e cruel. Pero a votación final foi moi decepcionante e perversa, xa que se eliminou da nova lei a inicial intención de protección animal que impulsaba esta nova lexislación europea. Os valores a favor do respecto e a protección da vida animal quedaron fóra do contido da nova lei.

Cada ano máis de 12 millóns de animais morren en laboratorios europeos en ensaios científicos. Pero o curioso, é que para moitos destes experimentos xa existen métodos científicos alternativos que non usan animais, e que son fiables desde o punto de vista científico, e están homologados por institucións europeas e internacionais como é o Centro Común de Investigación e a OCDE.

Se realmente existise a vontade política por parte dos gobernos e da Unión Europea poderíase reducir substancialmente o terrible sufrimento dos animais provocado en nome do coñecemento científico. Sen embargo, os intereses económicos dalgúns grandes laboratorios e súas exitosas presións aos europarlamentarios impediron a substitución de moitos dos experimentos animais.

É importante destacar a gran insensibilidade e a falta de piedade cos seres doutras especies mostrada pola maioría de parlamentarios españois, de esquerdas e de dereitas. Durante a votación só catro eurodeputados españois (dos 54) votaron a favor de reducir e eventualmente suprimir os experimentos con primates nos laboratorios.

Especialmente chocante foi o voto do PP, PSOE e IU en contra de eliminar as probas en simios capturados nos seus hábitats naturais. O permitir a utilización científica de simios e outros animais capturados no seu entorno natural é dobremente bárbaro, xa que ademais de atentar contra seres sensibles que posúen unhas capacidades cognitivas e emocionais moi próximas ás dos seres humanos, ao tempo anímase á captura de especies protexidas e en perigo de extinción.

A hipocrisía e o engano político gañaron cando os partidos que afirman de palabra e diante da opinión pública que dan o seu apoio a iniciativas internacionais de enorme prestixio como é o Proxecto Gran Simio, á hora da verdade, votan contra os dereitos e a protección destas especies.