lixo_portada

Amigos da Terra denuncia ante a Confederación Miño-Sil o actual estado de abandono que presenta o río Limia á altura da aldea de Hermille, incluída na Rede Natura.

O colectivo ecoloxista asegurou ter recollidas varias bolsas de lixo en escasos minutos. O lixo campa totalmente esparexado ano tras ano nas beiras do encoro ao seu paso por Hermille. A zona presenta un total estado de abandono con abundante lixo formado por envases de lata, plásticos e cabichas, principalmente. Os veciños da aldea din que é continua a presenza de visitantes esporádicos, como pescadores ou turistas, que non teñen onde depositar o lixo que xeneran e que a falta de contedor e de sensibilización fan que, ano tras ano, vaian en aumento as pezas de lixo.

Fonte: Amigos da Terra. Beiras río Limia. Hermille. Agosto 2009

lixo_varios


Amigos da Terra engade que a esta falta de limpeza e control por parte dos órganos competentes, súmase que o acceso ao río se fai mediante unha pista acementada, seguramente sen licenza, e que permite o acceso aos vehículos de motor incluso ata a propia beira do encoro. Esta falta de concienciación cidadá, non só pon en perigo aos usuarios do río, moitos deles nenos e nenas pequenos, senón á propia natureza do lugar que se ve sometida á presión dos residuos e das rodas dos coches.

lixo_bolsas

Ademais, algunhas das especies que se atopaban ao longo do río Limia están desaparecendo, tanto de flora como de fauna, piscícola principalmente, para dar cabida á degradación do entorno e á manipulación da paisaxe.

Ante esta continuada situación, os ecoloxistas esixen a limpeza das beiras do encoro ao longo das aldeas que desembocan finalmente nas Conchas, antes de que suban as augas e, por suposto, engulan toda esa suciedade e se realice un maior seguemento destas beiras.

lixo

A paisaxe destas aldeas moi pretas ao Parque Natural Transfronterizo do Xurés, xa que distan tan só uns quilómetros, sufriu por primeira vez en 1949 a súa alteración coa execución deste primeiro encoro galego, o encoro das Conchas.

encoro1