molino2

O Consejo de Ministros aprobou o pasado venres o anteproxecto de Lei de Economía Sostible. O texto da lei estivo inaccesible aos cidadáns dende que saiu publicamente anunciada a elaboración da norma fai 6 meses, non existindo ningún tipo de enlace á lei nin na páxina do Ministerio de Economía, nin do Congreso. O cidadán debe esperar a que sexa aprobada para coñecer o contido e o mandato da norma.

Amigos da Terra quere lembrar outra vez que a coñecida como Lei Aarhus, a Lei 27/2006, do 18 de xullo, contén un pilar relativo á participación pública que dispón o seguinte: Para facer efectivos o dereito a un medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa e o deber de conservalo (tal e como establece o artigo 45 da Constitución Española) os cidadáns poderán “participar de maneira efectiva e real na elaboración, modificación e revisión daqueles plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionadas co medio ambiente”.

E no seu artigo 16.1.b) a Lei Aarhus establece que para promover esa participación real e efectiva do público, este terá “dereito a expresar observacións e opinións cando estean abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral”.

Amigos da Terra considera unha falta de transparencia absoluta e dun oscurantismo sospeitoso o impedir ao cidadán coñecer de antemán un texto normativo que vai influir indiscutiblemente nos próximos anos, xa que a lei vai regular unha tripla dimensión: unha vertente económica e financeira, buscando un marco para o impulso do crecemento potencial; unha social, creando incentivos no eido da educación, coñecemento e innovación e a ambiental, a través de iniciativas de crecemento baixo en carbono e dunha xestión responsable dos recursos naturais.

Na vertente ambiental, o paquete de medidas sobre os que quere traballar o goberno e que, polo tanto, non soupo atallar antes, están orientadas a reducir a intensidade enerxética da actividade económica e potenciar o uso de enerxías alternativas.

Para o 2020 fíxanse as seguintes metas: un obxectivo de aforro dun 20% sobre o consumo de enerxía final e de aforro e eficiencia enerxética. Outro obxectivo será a cuota de renovables do 10% no transporte, e a elaboración de Plans de Mobilidade Urbana Sostible, redución de residuos e emisións contaminantes e, por último, o desenvolvemento rural sostible.

Ademais, o executivo convoca para a semana do 14 de decembro, aos diferentes gobernos das Comunidades autónomas na Conferencia de Presidentes. Un tema a tratar, será precisamente esta Lei que estará para esa data xa aprobada.

Amigos da Terra acusa ao goberno de oportunista de cara ao seu mandato da Presidencia de turno da Unión Europea, apreciándose un deterioro progresivo da técnica lexislativa ambiental e xeral, xa que non é capaz de cumprir os contidos das normas que precisamente dicta, creando unha cadea de despropósitos e irregularidades que levan á total desprotección xurídica do medio ambiente e das persoas.

Deixa a túa opinión en xuridico@amigosdaterra.net