litoral

Amigos da Terra fai alegacións ao contido das directrices presentadas pola Consellería de Medio Ambiente xa que non se ofrecen estratexias para preservar certos espazos de valor ecolóxico.

As DOT deben establecer os eixes básicos de actuación futura sobre o medio ambiente, os recursos naturais, a paisaxe, os espazos urbanos, industriais e rurais, as infraestruturas, os equipamentos, o gran patrimonio histórico e cultural e a sempre esquecida educación ambiental galega.

Por elo, as achegas feitas pola asociación baséanse principalmente na falta de análise que presenta o documento, xa que non se formula unha diagnosis dos problemas existentes e a definición dos criterios a adoptar en relación con ditos problemas. Sinálase a ausencia dun modelo de desenvolvemento sostible no turismo, sendo unha das principais fontes económicas de Galicia con incidencia sobre o medio ambiente. Critícase a ordenación municipal, como clara mostra de incongruencia administrativa. Sobre a erosión costeira, xa que non se protexe de xeito efectivo, ecolóxico e integral o litoral galego, ou sobre a educación ambiental, como a ferramenta para o desenvolvemento das políticas ambientais que nunca é integrada nas mesmas.

Revisar a ordenación do territorio galego utilizando as directrices de ordenación do territorio, é un dos principais retos que debe afrontar o goberno galego xa que as DOT afectan a toda a sociedade e constitúen un conxunto de propostas feitas dende diferentes puntos de vista, tanto sociais como económicos, culturais e ambientais. Para elo, é preciso artellar mecanismos claros e reais para a consecución destas propostas e non un texto no que se adica o 80% do contido do mesmo a facer un informe descritivo, cando é preciso regular algunhas actividades de xeito máis pormenorizado e elaborar un estudo previo a ditas actividades.

  • Para consultar as directrices de ordenación do territorio pincha aquí. Fin prazo presentación de alegacións: 30 de agosto.
  • Para consultar as alegacións elaboradas por Amigos da Terra pincha aquí. Podedes copialas e presentalas no voso nome ou no do voso colectivo.
  • Para consultar o plan de ordenación do litoral, como instrumento que pretende a ordenación territorial do litoral galego pincha aquí. Fin prazo presentación de alegacións: 30 de setembro.