rioalvedosafontelavoz

O río Maceiras, que percorre o termo municipal de Redondela, está exposto a continuas verteduras como consecuencia da falta de dilixencia das empresas que están a levar a cabo a contrución do tren de alta velocidade (AVE) polo que Augas de Galicia ten impostas multas que ascenden aos 13.500 euros.

O pasado 24 de febreiro detectouse unha vertedura de cor gris no río Maceiras confluínte co río Alvedosa. Á primeira hora desa mañá localizouse a vertedura no tramo do río que discorre polo centro urbano, onde se cruzan ditos ríos.

Amigos da Terra tramitou a correspondente denuncia alertando a Augas de Galicia desta situación xa que, pese a que o persoal do concello verificou a existencia da vertedura e a procedencia da mesma, cabía a posibilidade de que dita responsabilidade ambiental por vertedura quedara impune se non actuaban os organismos competentes.

O persoal de Augas de Galicia logo da alerta de vertido e segundo os resultados das inspeccións realizadas, comprobou que as empresas “implantaron melloras no sistema de depuración incrementando as medidas relativas á filtración e retención de sólidos residuais ao dominio público”. E neste sentido, Amigos da Terra quere facer un chamamento ao cidadán e veciño de Redondela para que no caso de que contúen as verteduras aos ríos Maceiras e Alvedosa, se poñan en contacto coa autoridade competente para que esta poida tramitar os correspondentes expedientes sancionadores e pór freo á contaminación que carrexa graves consecuencias ambientais para os ríos.

Finalmente, Augas de Galicia que tomou mostras o 26 de febreiro, está facendo a análise dos vertidos, xa que algún presenta efectivamente indicios de contaminación e outros teñen autorización de vertido “xa que cumpren os límites fixados no expediente”.

Podes consultar a resolución de Augas de Galicia pinchando no enlace Resolucion augas de Galicia [PDF]