cabalo_web

As organizacións ecoloxistas Amigos da Terra e Asociación Animalista Libera anunciaron que trasladarán ao Parlamento Europeo o “incumprimento da lexislación” que, ao seu xuízo, producirase en Galicia se a Xunta non obriga a identificar aos cabalos dos curros.

As asociacións denunciarán tamén a “falta de comunicación previa” para realizar os curros sen que os animais teñan o microchip identificativo. Os ecoloxistas confían en que a reclamación sexa recollida polo Grupo Verde da Cámara.

Así, estes colectivos sinalaron que a lexislación europea obriga á identificación de todos os cabalos, excepto daqueles que vivan de forma salvaxe en áreas das que non poidan saír, como as reservas naturais.

Este non é o caso dos équidos dos curros galegos, afirman os animalistas, xa que os animais “transitan polos montes e invaden os cultivos e as estradas”. Por iso, na súa opinión, non identificalos “vulnera o dereito comunitario”.

Por último, consideran que a identificación dos animais é “unha forma efectiva de previr casos de malos tratos” como a colocación de cepos.