cebra

O pasado 28 de abril publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG), o anuncio polo que o Parque das Ciencias Vigo Zoo, solicitaba á Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo a licenza de actividade como parque zoolóxico. Confírmase, deste xeito, a situación de ilegalidade denunciada reiteradamente por Amigos da Terra e negada sistematicamente polas diferentes Concellerías de Medio Ambiente que tivo a cidade durante estes anos.

 

 A Concelleira de Medio Ambiente de Vigo manifestou publicamente en múltiples ocasións que Vigozoo non necesitaba dita licenza. Para Amigos da Terra, o anuncio público da petición da mesma no DOG, é un claro exemplo da incompetencia e da manipulación informativa que algúns políticos fan coa cidadanía.

 

A asociación ecoloxista leva denunciando a ilegalidade do zoo desde fai máis de dez anos. A necesidade de que estas instalacións se adecúen á normativa existente é garantía de salvagarda dos visitantes do zoo e garantía do benestar dos animais, xa que, doutro modo estase aceptando polo Concello os posibles contratempos que puideran devir dunha situación que non se axusta aos contidos das normas.

 

Dende a entidade, contactouse coa Comunidade de Montes de Teis (lexítimos titulares dos terreos onde se empraza o zoo con recoñecemento xudicial) para presentar alegacións conxuntas á petición, xa que se está solicitando unha licenza sobre unha propiedade allea ao Concello de Vigo. O expediente de petición de licenza estará exposto a información pública, para facer as oportunas observacións por parte dos afectados.

 

Amigos da Terra reitera que Vigozoo debe ser clausurado como tal, e aproveitar as instalacións, persoal e terreos do mesmo (unha vez compensada á Comunidade de Montes de Teis) como centro de apoio para a recuperación de fauna autóctona, granxa escola e viveiro forestal.

 

Son 40 anos de ilegalidade, co que o zoo foi ilegal co PSOE, co PP e co BNG, pois todos gobernaron o Concello de Vigo e ninguén adoptou a legalidade no parque. Tivo que ser a Unión Europea quen obrigara a regularizar a situación.