verquidobarbanha_portada

 

A Plataforma Cidadá Ríos Limpos, da que forma parte Amigos da Terra, ante os últimos vertidos producidos ao canle do río Barbaña e aos seus afluentes, considera insultante a deixadez que se produce por parte das distintas Administracións Públicas con competencias na conservación, vixilancia e custodia dos ecosistemas fluviais.

 

 

O río Barbaña e os seus afluentes son canles fluviais bioloxicamente mortos debido aos constantes vertidos de todo tipo de substancias por parte de industrias, polas obras de construción e polos particulares. Unha situación inexplicable e inxustificable a día de hoxe, incumprindo toda a lexislación que hai ao respecto de forma impune.

 

Inxustificable tamén lle resulta à Plataforma, a actitude das Administracións que miran para outro lado en vez de rematar cos vertidos e a impunidade con que actúan os culpables, xa que hoxe hai medios materiais, técnicos e humanos para detectar vertidos e tamén para evitalos. Enton, por que non o fan as institucións responsables?

 

Así mesmo, desde a Plataforma Cidadá Ríos Limpos presentáronse hoxe dúas denuncias ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil polos vertidos producidos nesta semana no río dos Muiños e no río de San Bieito, orixinados polas obras de construción da autovía Ourense-Celanova, obras realizadas pola sociedade concesionaria da Xunta de Galicia e promovida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas .

 

Nas denuncias, a Plataforma achegou xeorreferencias dos puntos de vertido nos ríos: tres no río San Bieito e cinco no río dos Muiños, vertidos de lodos, minerais, terra vexetal e materia orgánica que afectan tanto á calidade das augas, como á fauna piscícola e á colmatación do canle coa destrución paulatina dos ecosistemas fluviais que acollen estes ríos, debido a que entre outras, nas obras da autovía a Celanova, non hai as preceptivas balsas de decantación, nin se realizaron actuacións que impidan a contaminación das augas dos cursos fluviais.

 

Tendo en conta os feitos descritos e en vista de que os vertidos por obras denunciados non cumpren os criterios básicos esixidos para garantir a protección do medio ambiente e pondo en perigo a saúde humana, a Plataforma solicita que se realice unha investigación dos feitos e que se impoñan as correspondentes sancións aos infractores e a obriga de repór o medioambiente ao seu estado orixinario.