vert

 

Membros da Plataforma Cidadá Ríos Limpos detectaron fai uns días vertidos ao río dos Muíños, afluente do Barbañica, e ao río San Bieito, afluente do Barbaña, ao seu paso polo concello de Taboadela. Os vertidos teñen a súa orixe na construción da autovía Ourense-Celanova cuia promotora é a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

 

 

A Plataforma denunciou o venres ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que debido á falta de medidas correctoras os días de chuvia prodúcense arrastres de materiais à canle dos mencionados ríos procedentes dos desterros e escavacións, xa que as obras non dispoñen das preceptivas balsas de decantación, nin se toman as medidas de precaución axeitadas para este tipo de obras públicas.

 

“Os arrastres de minerais, de terra vexetal e de materia orgánica aos ríos, está afectando aos seus ecosistemas, á calidade das augas e está producindo ao mesmo tempo, a colmatación das canles”, denuncian membros da Plataforma.

 

Os vertidos ao río dos Muiños, son visibles dende a parte alta do río ata a desembocadura no río Barbaña, no lugar coñecido como Pozo do Inferno. Pola súa parte, os vertidos ao canle do río San Bieito son visibles dende a súa parte alta ata a desembocadura no lugar coñecido como Porto Seixiño-Polígono Empresarial de Barreiros, alongándose a visibilidade de ditos residuos ata a desembocadura co río Miño.

 

A Plataforma esixe ás administracións, que impoñan as correspondentes sancións pola falta de dilixencia da empresa à que lle corresponde executar as medidas necesarias que eviten a deterioración do medio ambiente e se obrigue à empresa construtora a reparar o dano acaecido nos ríos dos Muíños e no río San Bieito con motivo da súa mala xestión ambiental.

 

Podedes consultar unha das denuncias presentadas pinchando _vertido_rioMuinhos_CHMS.pdf