fotolavoz_incendio

 

 

Amigos da Terra pide a aplicación de normas máis restrictivas coa defensa do medio ambiente, como o regulado na Lei de responsabilidade medioambiental.

 

Fonte: La Voz de Galicia. Vertedura O Gorxal río Lagares. 2008


Unha vez feita pública a resolución pola que se arquiva a causa penal polo incendio do polígono de O Gorxal e o verquido ao Lagares, Amigos da Terra critica a falta de aplicación de normas máis restrictivas coa defensa do medio ambiente e considera que os danos medioambientais producidos como consecuencia dos verquidos que provocou o lume e que acabaron con numerosa fauna e flora do río Lagares e da praia de Samil, teríase evitado se as empresas emprazadas no polígono cumpriran coas normas que regulan este tipo de instalacións.

 

O artigo 3 da Lei de responsabilidade ambiental contempla o pago dunha cuantiosa sanción económica e a reparación do dano ambiental por conta dos causantes dos feitos. A cualificación de accidente, non exime ás empresas para a execución de medidas de prevención, de evitación e de reparación por ser instalacións que fabrican produtos químicos coma os elaborados no Gorxal, quitagrasas e xabóns, principalmente, aínda que non medie dolo, culpa ou neglixencia. O control sobre este tipo de instalacións é máis estrito polas inspeccións administrativas pero neste caso había un engano xa que ninguna das instalacións facía constar licenza sobre actividades cunha alta amezaza ambiental.

 

Á falta de licenza de actividade dunhas, agravábase coa tenencia de licenza doutras para actividades que non son as que alí se levaban a cabo. Así, a licenza da empresa en cuio orixe está o incendio e que provocou esta catástrofe ambiental en Vigo, presuntamente foi outorgada para o almacenamento de deterxentes e xabón. Sen embargo, a información que constaba por aquelas datas na páxina web da sociedade limitada que se investigaba, recollía como principal actividade da mesma a “Elaboración de 10.000 litros diarios entre quita grasas e vitrocerámicas […]”.


Neste caso, de comprobarse que dita empresa estaba levando a cabo unha actividade industrial baseada na fabricación de produtos deterxentes, lixivías e xabóns, ademais dunha licenza municipal, faríanlle falta outro tipo de autorizacións preceptivas como a autorización ambiental integrada a cal vai contér información que asegure que a actividade executada na nave produce uns valores de emisión ou de contaminación compatibles co respecto ao medio ambiente e á saúde das persoas.

 

Polo tanto, o polígono de O Gorxal estaba integrado por naves que lonxe de cumprir coa legalidade, incorrían en varias irregularidades e, como consecuencia das mesmas, produciuse un vertido que causou unha agresión ambiental ao ecosistema do río Lagares e da praia de Samil.

 

É paradóxico que a impunidade por contaminación grave debido a ausencia de adopción das medidas preventivas ou de evitación apropiadas, recollidas na lei de responsabilidade ambiental e cuia sanción podería carrexar multas de ata 2.000.000 de euros, sexa asumida polas administracións e, polo tanto, por todos os cidadáns galegos.

 

Amigos da Terra considera inaceptable que existindo a lexislación actual, a administración continúe sendo endeble coas empresas contaminantes e non vele polo interexe xeral da poboación.