FORESTAL

A rede de colectivos Galicia Non Se Vende (GNSV), integrada por diversas organizacións e federacións do todo o País entre as que se atopa Amigos da Terra, tramita unha queixa ante o Valedor do Pobo alertando do proceso de elaboración do borrador da lei de montes de Galicia pola administración galega.

Última hora: o Valedor admite a trámite a queixa de GNSV

O borrador da lei de montes de Galicia, que foi aprobado o pasado 9 de xuño polo Consello da Xunta sen que se abrira un proceso de participación pública real e activo dos sectores implicados e do público en xeral, comezou a ser remitido a diversas organizacións e á prensa sen que con carácter previo fose publicado oficialmente. Sen embargo, é o 17 de xuño cando a Consellería de Medio Rural publica o anuncio polo que se acorda someter a información pública o borrador do anteproxecto da lei de montes de Galicia de conformidade co artigo 16,1 da  lei 27/2006.

A Rede GNSV DENUNCIA que con este anuncio a Consellería tentou confundir á poboación no que é o proceso de exposición pública e o de participación pública, xa que no anuncio di literalmente que “se da apertura ao proceso de participación pública en base á lei 27/2006”, cando o que se está abrindo é o proceso de exposición pública. Lembramos-lle á Consellería que o proceso de exposición pública dun documento para presentar ao mesmo alegacións, é posterior ao verdadeiro proceso de participación pública activa e real. Ademáis, o prazo que da a Consellería para formular alegacións é de 20 días que tendo en conta a extensión deste borrador, non parece que se busque facilitar a participación, esqueceu a Consellería que no artigo 3,2  da mesma lei se fala do direito a acceder á información con antelación suficiente, ou que no artigo 16.1.b) di que se farán observacións “cando estean abertas todas as posibilidades ANTES de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral”. Dificilmente poderanse facer observacións previas cando se ven de recibir XA o borrador da lei.

DENUNCIAMOS que na elaboración do borrador da Lei de Montes de Galicia non se garantiu a participación pública dos axentes sociais representativos, aspecto fundamental na  política forestal e medioambiental da Unión Europea e en teoría da propia Xunta de Galicia. Xa no ano 2008,  o Consello Económico e Social de Galicia  ditaminou que a participación dos sectores afectados era un aspecto esencial no proceso de tramitación e na búsqueda do  consenso  tan necesario en normativas  con vocación de ampla duración temporal.

DEFENDEMOS que a participación pública constitúe un factor clave no sistema democrático, trátase de que a participación dos cidadáns na toma das decisións públicas que poidan afectar ao coxunto da sociedade sexa unha realidade, unha intervención efectiva e real e non un mero trámite ou técnica funcional do proecedemento. Desta maneira favorécese a responsabilidade e transparencia dos procesos decisorios e contribúese a toma de conciencia por parte dos cidadáns sobre os problemas que afectan a todos.

Por último, non desvotamos tramitar os escritos pertinentes para pór en coñecementos doutras administracións, como as europeas, cales son o tipo de procesos participativos que promove o goberno autnómico galego.

Podes consultar a queixa presentada ao Valedor do Pobo pola rede GNSV aquí QUEIXA__peticionparticipacionpb_LEIMONTE.doc