forestlume

 

Diante do incremento do número de incendios forestais en Galicia, Amigos da Terra considera urxente a posta en funcionamento do conxunto do operativo previsto no PLADIGA para a campaña de máximo risco do verán 2011. Ante a situación da vaga incendiaria vai a solicitar unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia.

 

 

Resulta preocupante o que está a pasar nos montes de Galicia nos últimos días: A situación meteorolóxica incrementa o risco de propagación de lumes forestais, a non realización dos correspondentes traballos de prevención ao seu debido tempo, servizos públicos da Xunta de Galicia de prevención e extinción de incendios forestais baixo mínimos, abandono dos responsables da Xunta de Galicia da súa obriga de protección dos ecosistemas forestais, a falla de investigación das causas deixa na impunidade a maioría dos delitos…

 

Tendo en consideración a situación meteorolóxica dos últimos días, o incremento do número de incendios forestais non deixa de ser unha crónica anunciada tendo en conta a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos, tendo ao mesmo tempo en consideración que os distintos gobernos galegos non teñen feito nada para cambiar a política de prevención e extinción dos lumes forestais. Situación agravada polo actual Goberno da Xunta de Galicia que debido ao seu plan de austeridade non conta co número suficiente de persoal para facer frente aos incendios forestais e ten unha actitude premeditada de desmantelamento dun servizo público esencial para a conservación do patrimônio natural.

 

Dada a situación producida, inconcebiblemente a Xunta de Galicia nin sequera ten completo o operativo mínimo que se ten na chamada “tempada de baixo risco de incêndios”: distritos forestais sin un só vixiante nas casetas de vixiancia (os incendios son comunicados pólos cidadáns ou os medios dos servizos forestais nos seus desprazamentos cotias…) hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción…

 

Non se cubren as baixas do persoal de prevención e extinción: brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes, a media ten que ser de cinco brigadistas. Vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, sin cubrir as 24 horas do día con baixas ou xubilacións sin cubrir. Uso de medios aéreos sin apenas persoal en terra co cal a eficacia na extinción é mínima. Baixas de axentes forestais sin cubrir (Distritos Forestais onde tiña que haber 19-20 axentes forestais só están operativos 14-15) a elo hai que sumar o desmantelamento das brigadas de investigación de incendios forestais creadas no seu dia e compostas por un mínimo de dous axentes forestais…(aproximadamente falta un 25-30% do persoal que hai en “Tempada de Baixo Risco”.

 

A todo o anterior, hai que engadir a infrautilización de medios con que conta a comunidade autónoma (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías…) gardados nos garaxes ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais, falla dun “Plano de Emerxencias cun mapa de Medios e Recursos” dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa, moitos dias hai desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 200-250 quilómetros mentras a carón de onde se produce o incendio forestal hai autobombas ou maquinaria parada e sen utilizar, ¿optimización de medios e recursos?

 

Diante da actual situación Amigos da Terra vai a solicitar unha reunión urxente do Consello Forestal de Galicia para pedir por enésima vez un cambio das políticas de prevención e extinción de incendios forestais e a posta em marcha do operativo completo da chamada “tempada de máximo risco”.