eiras_pont

A asociación ecoloxista esixirá un estudo técnico a Augas de Galicia antes de adoptar medidas sobre as presas de Zamáns e Eiras  Amigos da Terra denuncia que as medidas anunciadas pola Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Vigo para evitar que se poida ver afectado o suministro da cidade en caso de que continúa a situación de sequía non son efectivas nin, moito menos, ambientalmente pertinentes.

 

Así, sinalan que reducir o caudal que sae das presas de Zamáns e Eiras (que ordeou esta semana o conselleiro Agustín Hernández) pode afectar moi negativamente a riqueza dos ríos afectados, o Zamáns (afluente do Miñor) e o Oitavén (proposto para a Rede Natura 2000).

 

A asociación ecoloxista mostra a súa preocupación, en especial, pola afección que pode ter o río Oitavén co anuncio de que se reducirá o 50% o caudal dos aliviadeiros da presa de Eiras e pasará de sair río abaixo 300 litros por segundo a tan só 150 litros. Con esta redución en pleno verán (co aumento de incidencia solar, a evaporización e as perdas de bosque de ribeira) non garanten o caudal ecolóxico do río.

 

Ante esta situación, Amigos da Terra, esixe ao ente público Augas de Galicia que realice un estudo técnicos do caudal en Eiras antes de tomar esta medida ou, en caso contrario, estudarán presentar unha denuncia contra a entidade dependente de Medio Ambiente por adoptar esta medida.

 

Por outra banda, a entidade ecoloxista reprocha ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que a pesares de que hai unha semana anunciou que se presentaría de maneira inmediata un Plan Municipal de aforro de auga, pasado o tempo non so se esqueceu do seu anuncio, senón que, ademais, pide a Xunta que adopte medidas incompatibles coa preservación do medio ambiente.

 

O concello segue insistindo no aporte extra de auga derivando parte do caudal do río Verdugo (que ten orixe nun espazo natural proposto para a Rede Natura) con todo o impacto ambiental que implica na presa, nas canalizacións e na alteración das marxes e bosques de ribeira, pero continúa sen presentar unha soa medida de aforro de auga.

 

Ante a falta de actuación municipal, Amigos da Terra propón unha alternativa para o aforro e uso eficiente da auga de Vigo e invita ao concello a que a teña en conta. Así, a nivel municipal propón que non se balden as rúas mentres continúe a situación actual, que se reguen os xardíns exclusivamente de noite, que se vixíen fugas nas redes de abastecemento, que se pechen en tempada seca as fontes ornamentais e que se instalen perlizadores en todas as dependencias municipais.

 

As propostas da asociación ecoloxista tamén queren chegar as familias e invitan a que a nivel doméstico se adopten medidas como a instalación e perlizadores ou que os vecinos opten por ducharse en lugar de darse un baño para consumir menos auga.

 

Insisten, asimesmo, en que estas medidas non deben ser coxunturais pola situación de seca queu se está a vivir e se esquezan en canto chova, senón que esta crise da auga sirva para que todos e todas (Concello, Xunta e cidadanía) adoptemos por fin unha nova cultura da auga, pois as previsións de cambio climático apuntan á mediterranizacióndo clima galego e, polo tanto, estes episodios de seca serán cada vez máis frecuentes.