lobo

 

A raíz da recente concesión de batidas ao lobo na Serra do Barbanza e que outra batida está concedida o vindeiro sábado día 9 de xullo nas proximidades do monte Enxa en Porto do Son, as asociacións asinantes enviaron un escrito ao Servizo de Conservación da Natureza da Provincia de A Coruña.

 

O contido do escrito recolle que non é de recibo que se concedan batidas nestas datas nas que a especie é máis vulnerable. Está estipulado no punto 10 do Plan de Xestión do lobo que “se evitarán, salvo casos excepcionais debidamente xustificados, a realización de controis durante a época de reprodución desta especie”; contemplando ao noso parecer por razóns biolóxicas, un tempo moi curto que debería abarcar dende marzo a outubro. A concesión de batidas sen estudos poboacionais serios e previos é un arma que se emprega de modo inxustificado e habitual.

 

Segundo datos publicados anteriormente por ASCEL, o lobo afecta a menos do 0’1% do gando doméstico en Galicia, sendo moito maiores as perdas causadas ao gremio gandeiro polas enfermidades que as que se derivan de danos producidos polo lobo.

 

O monte Enxa e a súa periferia está dividido por un entramado de valados financiados con fondos públicos ao longo dos cales se moven as reses equinas. Este tipo de gando non ten apenas aproveitamento económico, a pesar diso, recibiu importantes inversións para a instalación de tales valados o que permite millorar o seu manexo neste entorno.

 

Dada a problemática existente, propoñemos a complementación dos valados coa instalación dun pastor eléctrico que se poida mover e colocar en cada unha das parcelas ao logo do tempo cos cabalos. Temos constancia que temporalmente, os donos moven os cabalos a través das parcelas, consideramos entón oportuno este sistema que poden mover e volver a colocar durante ese proceso.

 

Para máis eficacia, unha vez paridas as eguas, estas deberían manterse cos poldros en enclaves delimitados por ditos pastores electrificados. Sen dúbida, os ataques diminuirán e, ainda que pode supor un coste económico inicial, éste se compensará a longo prazo cunha diminución ou descenso de danos e da problemática existente.

 

Existe un estudo que fai mención á existencia de certas barreiras que impiden ou dificultan a colonización do Corzo Capreolus capreolus ao oeste da AP-9. A millora do hábitat na Serra do Barbanza, a facilitación de corredores e a permeabilización de obstáculos como a citada autopista poden ser fundamentais para fomentar as poboacións da especie e contribuir a frear ou diminuir a problemática existente entre o lobo e o gando equino.

 

Esta problemática xunto coa eucaliptización, o abandono do monte e outros factores poden estar na orixe dos continuos e devastadores incendios que teñen lugar na Serra do Barbanza. Consideramos que a celebración de mesas de debate entre os distintos sectores implicados nos usos forestais pode contribuir a conciliar intereses e disolver algún dos factores que manteñen parte desta problemática.

 

As asociacións firmantes se ofrecen a prestar a axuda que necesite a Consellería neste ámbito.

 

 ASCEL, Verdegaia e Amigos da Terra