pesca_yun_fotoA Unión Europea está a perder a oportunidade de garantir a sostibilidade mariña e a viabilidade das poboacións máis dependentes da pesca. Maria Damanaki, Comisaria de Pesca europea, presentou a proposta da Comisión Europea para a reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Esta reforma, tras ser discutida no Parlamento Europeo e no ámbito do Consello Europeo, definirá as novas directrices para a pesca comunitaria que deberán entrar en vigor a finais do ano 2012.  Fonte imaxe: (c) Tomo.Yun (www.yunphoto.net/es/)

A proposta presenta aspectos positivos na súa formulación, como a decisión de usar os plans a longo prazo como un eixe de articulación da xestión pesqueira, a incorporación da aproximación ecosistémica, a vontade de conseguir o rendemento máximo sostible, ou a decisión de afrontar as problemáticas dos descartes. Pero os mecanismos formulados e a falta de priorización fan que sexa unha proposta inadecuada para asegurar un ecosistema mariño en boas condicións, ao tempo que se garante unha distribución equitativa dos recursos, e a viabilidade das poboacións máis dependentes da pesca, onde a pesca artesanal sostible ten un rol importante.

A continuación sinalamos algúns dos aspectos que consideramos de maior importancia e que deben ser modificados substancialmente:


Un sistema de concesións individuais transferible como único sistema de xestión parécenos inaceptable, debería ser en todo caso unha das posibles alternativas, e sempre que se establecesen as salvagardas sociais, económicas e ambientais axeitadas. ” sinala Miquel Ortega de OCEAN2012.

Apoiamos o establecemento de plans a longo prazo como un eixe vertebrador da nova PPC, e o obxectivo de conseguir o rendemento máximo sostible. Pero consideramos que a proposta actual é insuficiente pois non inclúe marcos temporais para o establecemento destes plans nin mecanismos de participación e de coxestión pesqueira” sinala Raúl García de WWF.


A proposta actual perpetúa o status quo para as especies que non se contemplen nos plans de xestión a longo prazo, ou que non estean cubertas polos TACs, é dicir, para a maioría das especies explotadas comercialmente” di María José Cornax de OCEANA, e engade “outro dos aspectos que nos preocupa é a falta de mecanismos para a aplicación do principio de precaución, hase de garantir que a ausencia de datos non ha de constituír un argumento para a ausencia de xestión”.

A proposta debe afrontar o problema da sobrecapacidade establecendo plans de xestión de capacidade para a totalidade da frota, adaptándose ao estado de cada pesqueira e tendo en conta os impactos diferenciados das diversas frotas. Pero parécenos vergonzoso que a proposta actual na práctica só obrigará a establecer plans de axuste para os pescadores artesanais” sinala Celia Ojeda de Greenpeace.

Cremos que debe establecerse unha nova priorización do acceso aos recursos pesqueiros. Débense aplicar criterios de sostibilidade, favorecendo o acceso e o financiamento para aquelas artes de pesca máis selectivas, con menores impactos nos hábitats mariños, de menor consumo enerxético, que favorezan unha maior ocupación e de calidade, e por suposto todo iso condicionado ao cumprimento lexislativo” sinala Lydia Chaparro de Ecologistas en Acción.

Necesitamos que a PPC integre moito mellor as políticas ambientais europeas, un aspecto insuficientemente tratado na proposta actual. Debe garantirse unha aproximación ecosistémica completa que, entre outros aspectos, minimice e sempre que poida elimine a captura de especies que non sexan obxectivo, incluíndo peixes, aves e tartarugas, e que sempre teña en consideración o principio de precaución” sinala Pep Arcos de SEO/BirdLife.

Preocúpanos especialmente a inadecuación da proposta ao Mediterráneo, as súas particularidades non foron consideradas. Nesta rexión é imprescindible o establecemento inmediato de plans a longo prazo no marco do Regulamento Mediterráneo, un esforzo moito maior no ámbito científico e reforzar o cumprimento lexislativo” sinala Liliane Spendeler de Amigos de la Tierra. “Apoiamos unha prohibición dos descartes, xa que é imprescindible afrontar este grave problema ambiental, pero non tal como está reflectido na actual proposta: o obxectivo debe ser evitar a súa captura, e de ningún xeito pode acabar sendo un sistema que favoreza a creación de novos mercados baseados en xuvenís, talles ilegais, etc.

A proposta actual non distingue entre os diferentes modelos acuícolas, e propón un enfoque que non integra axeitadamente a dimensión ambiental. Opoñémonos á promoción dos modelos que acaban favorecendo o esquilme dos recursos pesqueiros salvaxes, como as granxas de engorde de atún. A proposta ofrece máis autonomía e responsabilidade aos países membros, pero non establece obxectivos comúns que garantan a integridade dos sistemas ecolóxicos.

En canto á dimensión exterior da PPC cremos que a proposta debe ser modificada significativamente introducindo un pagamento crecente por parte da industria dos custos de acceso, a obrigatoriedade de introducir cláusulas de exclusividade cando se asinan acordos de acceso aos recursos pesqueiros de terceiros países, e a desvinculación da cooperación respecto aos dereitos de acceso aos recursos.

Por todo iso, os abaixo asinantes reafirmámonos en avaliar a proposta actual como inadecuada, e esperamos que tanto os estados membros como os parlamentarios europeos introduzan cambios significativos durante o proceso lexislativo.

firmantes_acuerdo_pesca