reduim-residus_copy

O novo texto da Lei de residuos e solos contaminados aprobado hoxe no Congreso é froito da transposición da Directiva Marco de Residuos europea á lexislación española. Os grupos ecoloxistas lamentan a pouca ambición que tivo o Ministerio de Medio e Medio Rural e Mariño á hora de establecer melloras que poderían ter feito desta, unha lei pioneira na xestión de residuos e ambientalmente comprometida e responsable.

Durante o trámite parlamentario, incorporáronse á Lei elementos interesantes como un obxectivo de redución na xeración de residuos do 10% para 2020, a consideración dos sistemas de depósito, devolución e retorno (SDDR) como sistema de xestión de envases, a posibilidade de aplicar un canon á incineración e á vertedura ou a certificación forestal de envases e etiquetas.

Non obstante, quedaron fóra do texto melloras imprescindibles, demandadas insistentemente polos grupos ecoloxistas, como a recollida selectiva da materia orgánica, a prohibición da distribución gratuíta das bolsas de plástico dun só uso ou a exclusión da incineración, como opción de xestión.

A nova lei perdeu a oportunidade de responder ás necesidades que ten España en materia de residuos: o aforro de recursos naturais mediante o aproveitamento dos materiais contidos no lixo, a prevención da contaminación que provocan tanto a incineración coma os vertedoiros e a creación de empregos verdes nun contexto de crise económica como a que vivimos actualmente.

Á marxe da nova Lei de Residuos, o Goberno español ten aínda a responsabilidade de cumprir os obxectivos establecidos pola Unión Europea. En particular, sobre os niveis de reciclaxe de envases, que seguen estando por debaixo do que esixe Bruxelas e que motivaron a pasada semana o envío dunha queixa á Comisión europea por parte dos principais colectivos ecoloxistas do Estado.