rio-verdugo_pontecaldelas_5

Amigos da Terra, concorda cos alcaldes de Fornelos de Montes e Soutomaior, ao cuestionar a viabilidade ambiental do transvase de auga do río Verdugo ao Oitavén, tendo en conta que ámbolos dous afluentes están incluídos na nova proposta da Rede Natura 2000 e albergan unha importante riqueza natural debido aos seus bosques de ribeira e augas rápidas de montaña, ademais de xogar un papel importante como corredores ecolóxicos.

Concello de Vigo segue insistindo no aporte extra de auga derivando parte do caudal do río Verdugo, a pesar do impacto ambiental que implica na presa, nas canalizacións e na alteración das marxes e bosques de ribeira, pero continúa sen presentar unha soa medida de aforro de auga.

Tal e como xa comentamos, a principal preocupación radica na afección que pode ter o río Oitavén co anuncio de que se reducirá o 50% o caudal dos aliviadoiros da presa de Eiras e pasará de saír río abaixo 300 litros por segundo a tan só 150 litros. Con esta redución en pleno verán (co aumento de incidencia solar, a evaporación e as perdas de bosque de ribeira) non garanten o caudal ecolóxico do río. Ademais, ámbolos dous ríos permiten manter a conectividade ecolóxica entre os espazos protexidos da Enseada de San Simón e da Serra do Suído e a alteración dos seus canles que solicita Caballero á Xunta de Galicia alteraría esta valía.

Amigos da Terra recorda ao alcalde de Vigo que existen alternativas para o aforro e uso eficiente da auga na cidade de Vigo, como que non se balden as rúas mentres continúe a situación actual, que se reguen os xardíns exclusivamente de noite, que se vixíen fugas nas redes de abastecemento, que se pechen en tempada seca as fontes ornamentais e que se instalen perlizadores en todas as dependencias municipais. Así mesmo, animamos aos cidadáns de Vigo a que tamén leven a cabo medidas de aforro de auga nas súas vivendas.

Fonte da imaxe: Vivancos