campotraballobio

O Centro de Educación Ambiental As Corcerizas, acolle dende hoxe e ata o vindeiro 26 de xullo a segunda edición dun campo de traballo alternativo, baseado no coñecemento de novas técnicas de bioconstrución e autoconstrución, o intercambio de experiencias entre os/as participantes e a súa aplicación práctica a través da realización de traballos colectivos no Centro.

Unha vintena de persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía española e de profesións moi dispares, daranse cita neste centro, pioneiro na utilización de técnicas bioconstrutivas e na aplicación da arquitectura bioclimática. Un exemplo real de que é posible construír espazos máis confortables para nós e máis respectuosos co planeta.

Este campo de traballo forma parte do programa “Acción de Verán”, campaña que convoca a Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e colabora o Concello de Ourense.

Durante estes doce días, os/as participantes recibirán formación e realizarán traballos de bioconstrución, contando con colaboradores como Guido Tomasini para o emprego do barro ou o Pintor de Quins para a aplicación de pinturas naturais.

campotraballobio2

O amplio programa compleméntase con outros temas relacionados coa conservación do patrimonio, etnografía, xestión sustentable do monte, roteiros, obradoiros, etc.

Ademais, os/as participantes terán a oportunidade de coñecer a costa galega, outros xeitos de ocupar e construír segundo o clima e materiais, e coñecerán tamén a cidade de Ourense, a través dunha visita guiada polo casco histórico, que rematará nas termas, grazas á colaboración da Concellería de Turismo, Industria, Comercio e Termalismo do Concello de Ourense.