tijerasA denegación de todos os microproxectos e a non sinatura dos convenios previstos para 2011 deixan sen osíxeno ás ONGD galegas. Nun só ano a cooperación galega esta a piques de ser desmantelada. Os fondos da Xunta de Galicia dedicados á loita contra a pobreza recortáronse un 39% en 2011 e actualmente representan o 0,06% do produto interior bruto galego (PIB), unha porcentaxe situada nas antípodas do 0,7% comprometido por todos os partidos galegos con representación no Parlamento coa sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza.

O Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, comunicou o pasado 5 de xullo a representantes da Coordinadora Galega de ONGD, que o vindeiro ano a situación da cooperación galega non vai mudar. No mellor dos casos manterase o orzamento actual, é dicir, os 6,6 millóns de euros resultantes dos recortes. Para que iso pase, o orzamento xeral da Xunta deberá manterse. No caso que descenda, a cooperación galega aínda contarán con menos fondos públicos.

Segundo comunicou a Xunta de Galicia na última sesión permanente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento (CONGACODE), ademais dos recortes aprobados nas dúas ordes do 24 de maio nos que se eliminan as axudas de acción humanitaria e se reduce á metade o orzamento dedicado a proxectos no exterior, xa se poden computar como redución orzamentarias as seguintes partidas:

  • A denegación de todas as solicitudes presentadas á convocatoria de microproxectos por “falta de calidade” nas propostas (175.000 euros).
  • A decisión de non asinar ningún dos convenios de cooperación directa previstos durante o 2011 (260.589 euros).

Así pois, o orzamento da Xunta dedicado a cooperación ao desenvolvemento en 2011 é de 6.640.174 euros, un 18% menos do previsto no Plan Anual de Cooperación 2011 aprobado en febreiro deste ano. Isto significa que os recortes en cooperación son do 39 % respecto ao ano 2010 (o 21% rexistrado nun primeiro momento no Plan Anual 2011; máis o 18% actual).

Como se acordou o pasado 1 de xullo, na Asemblea Extraordinaria da Coordinadora Galega de ONGD, da que forma parte activa Amigos da Terra, no mes de outubro levarase a cabo unha acción enmarcada na Semana Galega contra a Pobreza que consistirá na entrega “masiva” de cartas ao Valedor do Pobo facendo constar o incumprimento sistemático da Xunta de Galicia en relación aos compromisos de loita contra a pobreza.