LOGO-SOS-Clima_200

O Grupo Socialista do Congreso dos Deputados presentou onte un conxunto de medidas para loitar contra o cambio climático. A máis destacada é a creación dunha Lei de Cambio Climático e a incorporación a esta do mecanismo dos presupostos de carbono. Así, o grupo parlamentario recolleu a reivindicación do obxectivo da campaña S.O.S. Clima de Amigos de la Tierra, tamén apoiada por outras organizacións da sociedade civil.

S.O.S. Clima é a campaña de Amigos de la Tierra Europa para pedir unha lei de cambio climático en 18 países europeos, para garantir por lei o cumprimento de obxectivos de redución de emisións. Esta campaña culminou con éxito no Reino Unido, onde agora contan coa lexislación máis ambiciosa a nivel mundial para frear o cambio climático, e outros países europeos como Austria, Finlandia, República Checa, Eslovenia ou Hungría a aprobarán proximamente.

A urxencia e a magnitude do desafío que supón evitar as peores consecuencias do cambio climático supón que temos que traballar con obxectivos ambiciosos e mecanismos que aseguren o seu cumprimento. Dende Amigos de la Tierra presentamos publicamente, o ano pasado, o mecanismo legal para España de presupostos de carbono, é dicir, un límite á cantidade de gases de efecto invernadoiro que se pode emitir nun determinado período de tempo, segmentado por sectores económicos, administracións ou territorios. Así, garántese por lei o cumprimento dos obxectivos de redución e ao mesmo tempo proporciónase un escenario económico previsible posto que se coñece con moita anticipación cales son as reducións necesarias“, afirmou Alejandro González, responsable da área de Cambio Climático e Enerxía de Amigos de la Tierra.

A asociación organizou, á súa vez, seminarios, xornadas e debates ao longo da campaña, nos que participaron organizacións da sociedade civil, expertos en materia de enerxía e cambio climático, así como distintos representantes de partidos políticos. Estes actos permitiron introducir o debate político dunha lei para frear o cambio climático.

A través da campaña S.O.S. Clima, miles de persoas asinaron, apoiando Amigos de la Tierra e esixindo aos poderes públicos a adopción desta lei. Mentres tanto, España incumpriu o Protocolo de Kioto e só nos últimos anos as emisións reducíronse, principalmente pola crise e en menor medida polas enerxías renovables.

Alejandro González insistiu en que “A proposta do grupo parlamentario reflicte a esixencia da nosa campaña. Non debe converterse nunha proposta de última hora do fin da lexislatura senón que debe plasmarse nun compromiso que culmine na aprobación da Lei de Cambio Climático. Por iso instamos aos demais grupos parlamentarios, e tamén aos sectores económicos, a sumarse á proposta. Dentro de España xa hai Comunidades Autónomas como o País Vasco ou posiblemente Baleares que xa están a seguir ese camiño”.

Informe “Oportunidades para una Ley de Cambio Climático en España basada en presupuestos de carbono”