doasangue2011_b

A Campaña “Axuda a vivir: doa sangue e planta unha árbore”, organizada conxuntamente por Amigos da Terra e o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia (CTG) en Ourense, rematou cun total de 216 doazóns, das que o 9% (19 doazóns) se correspondían con cidadáns que efectuaban a súa primeira doazón de sangue. O que significa que 216 novas árbores autóctonas serán plantadas no mes de febreiro, formando parte da biodiversidade galega e contribuíndo así a fixación de solo e a absorción de CO2 da atmosfera.

A campaña desenvolveuse dende o venres 15 ata o 22 de xullo en seis lugares diferentes da cidade, onde as voluntarias e voluntarios informaron aos cidadáns da necesidade das doazóns de sangue, ao mesmo tempo que se sensibilizou coa necesidade da repoboación dos nosos bosques.

doasangue2011

Labor de concienciación


Cada día en Galicia son necesarias 500 doazóns de sangue para que os nosos hospitais podan realizar unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atender máis de 3.000 urxencias e realizar tres transplantes de órganos ou tecidos.

Esta actividade, se traduce nunha mellor calidade de vida para todos os cidadáns, pero para iso tamén resulta necesario preservar en óptimas condicións o noso entorno natural, polo que debemos participar e promover actividades destinadas a crear unha conciencia proclive á conservación do noso medio ambiente.

O Centro de Transfusión de Galicia e Amigos da Terra queren amosar o seu agradecemento ás persoas que participaron nesta iniciativa que se leva a cabo dende o ano 2000 e que fomenta a conciencia solidaria dos cidadáns, así como tamén ás diferentes institucións, organizacións, colectivos sociais e medios de comunicación que colaboran no desenvolvemento de iniciativas destinadas a promover este xesto solidario.

Aquí tedes o vídeo que saíu sobre a campaña no programa “A Revista” da TVG.