ria_Vigo_registra_alta_cont

Amigos da Terra solicita ás autoridades sanitarias que realicen controles exhaustivos do pescado e o marisco da ría, para deste xeito garantir que os niveis de metais pesados que se consumen a través destas especies non son prexudiciais para a saúde das persoas, xa que o chumbo é un “neurotóxico bioacumulativo”. Así mesmo, para a asociación, as obras de ampliación do peirao do areal agravarán o problema.

É necesario realizar canto antes análises dos niveis de chumbo no pescado e o marisco da ría de Vigo e garantir que o seu consumo non supón un perigo para a saúde, posto que os efectos do chumbo son acumulativos e o noso organismo non o elimina, polo que o envelenamento pode acontecer por unha inxesta continuada, aínda que en doses aparentemente pequenas cada vez que as persoas se expoñen aos efectos deste metal durante un longo período de tempo.

O chumbo vaise acumulando no noso corpo causando danos temporais ou permanentes. A fatiga, a apatía, a irritabilidade e síntomas gastrointestinais vagos, son algúns signos temperáns de intoxicación crónica por chumbo, e co tempo este pode causar danos no cerebro, o sangue, o sistema nervioso, os riles e o sistema reprodutivo.

Ademais, para a asociación, o arrastre de lodos que se está a realizar no peirao do areal, con máis de 150.000 metros cúbicos de lodos removidos, e a axuda das correntes da ría, aumentarán os niveis de contaminación de chumbo, agravando aínda máis o problema.

Dende Amigos da Terra esperamos que non suceda o mesmo que co informe elaborado polo ministerio de agricultura e pesca de 2003, no que se alertaba da presenza de metais tóxicos (en cantidades moi superiores ás permitidas) en especies como o peixe espada ou o atún vermello, e que necesitou dun fallo xudicial tras máis de 10 anos de denuncias ecoloxistas para ver a luz.

Así mesmo, para a asociación, este estudo pon unha vez máis en evidencia o escaso rigor das bandeiras azuis, “resulta paradóxico que a ría de Vigo estea contaminada por altos niveis de chumbo pero manteña ducias de bandeiras azuis”, afirmou Antón Lois, vogal de comunicación de Amigos da Terra.

Fonte imaxe: El País.com