animales_enjaulados

O Concello de Vigo anunciou a “bombo e platillo” a celebración do 40 aniversario de Vigozoo, non obstante, para Amigos da Terra non hai moito que celebrar, xa que 40 anos despois o zoolóxico de Vigo segue sendo ilegal, posto que continúa sen ter licenza municipal de actividade, sen ser o propietario dos terreos, e conta con instalacións pechadas ao público.

Para a asociación, o que está a celebrar Vigozoo durante esta semana son 40 anos de ilegalidade, xa que a estas alturas, o zoolóxico de Vigo non conta con licenza municipal de actividade, preceptiva para calquera instalación aberta ao público. Foi aínda o pasado 28 de abril, cando o Parque das Ciencias Vigozoo solicitou á Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo a licenza de actividade como parque zoolóxico, confirmando deste xeito, a situación de ilegalidade denunciada reiteradamente pola asociación ecoloxista, e negada sistematicamente polas diferentes Concellerías de Medio Ambiente que tivo a cidade olívica.

No referente ás instalacións do parque, continúan as irregularidades que nos últimos anos se veñen denunciando, mesmo, por instancias europeas. A día de hoxe, algunhas instalacións do zoo, continúan sen estar autorizadas para a súa apertura ao público, segundo o informe da última inspección, realizada por membros da Consellería do Medio Rural, polas deficiencias que aínda presentan.

Así mesmo, Vigozoo continúa ocupando uns terreos que non lle pertencen, sendo a Comunidade de Montes de Teis, a lexítima propietaria dos terreos como confirma a sentenza firme e definitiva dictada dende fai dous anos. Unha situación que parece non preocupar a Abel Caballero, que se nega siquera a recibir aos comuneiros.

Amigos da Terra leva denunciando a ilegalidade do zoo dende fai máis de dez anos. Para a asociación, a necesidade de que estas instalacións se adecúen á normativa existente é a garantía de salvagarda para os visitantes do zoo, e por suposto, garantía de benestar dos animais cos que conta o parque.

oso_vigozoo

Non obstante, continuamos opinando que Vigozoo debe ser clausurado, e aproveitar as instalacións, persoal e terreos do mesmo, como centro de apoio para a recuperación de fauna autóctona, granxa escola e viveiro forestal. Vigozoo representa a supervivencia dunha visión prepotente e caduca da relación entre a humanidade e a natureza, ningunha presunta labor educativa ou de conservación xustifica a súa continuidade no século XXI, polo que a conservación de especies e espazos debe realizarse “in situ”.