burato-negro

As expedicións na fosa atlántica para localizar xacementos de petróleo e gas, na área coñecida como “Gran Burato”, continuarán durante este mes grazas á Xunta de Galicia, non obstante, Amigos da Terra reitera que é un erro continuar no camiño da enerxía baseada nos combustibles fósiles e propón a inversión deses 1,26 millóns euros no desenvolvemento dos parques eólicos mariños.

Para a organización ecoloxista, é pouco coherente que a Universidade de Vigo, que di apostar pola sustentabilidade e pola preocupación polo cambio climático, siga invertendo inxentes recursos na procura de novos xacementos de combustibles fósiles. Especialmente, é notable a contradición cando se trata de prospeccións mariñas de gran profundidade, que engaden un maior risco medioambiental, existindo estudos que demostran que a esa profundidade, se se producise un vertido sería imposible tapalo.

Seguir nesta carreira desesperada por espremer as últimas pingueiras de gas e petróleo (e queimando carbón) soamente conseguirá incrementar as emisións de gases de invernadoiro e aumentar expoñencialmente o cambio climático, desperdiciando no proceso recursos técnicos e materiais e retrasando aínda máis a aposta decidida pola I+D aplicada a conseguir a maior eficiencia e optimización técnica no desenvolvemento das enerxías renovables.

A asociación é consciente de que as prioridades nas liñas de investigación dos departamentos universitarios teñen relación directa con quen as paga, que acostuman ser as grandes empresas transnacionais do lobby do petróleo. Non obstante, Amigos da Terra anima á Universidade de Vigo e á Xunta de Galicia a que, polo menos, aproveiten os recursos desas expedicións oceánicas para analizar as posibilidades de desenvolvemento dos parques eólicos mariños “offshore”, unha alternativa enerxética pola que xa veñen investigando e apostando outras universidades europeas e que conta co respaldo da maioría do movemento ecoloxista internacional.