cetaceos_200x132

Para Amigos da Terra as rutas marítimas “Latitud 42”, inauguradas en Pontevedra esta semana e nas que se ten previsto visitar calas de difícil acceso, poderían poñer en serio perigo os poucos refuxios de especies mariñas que quedan a salvo da presenza humana, na xa moi castigada ambientalmente ría de Pontevedra.

As calas illadas que se pretenden incluír nestas rutas marítimas, son refuxio de moitas especies mariñas, precisamente, porque non son accesibles para o ser humano por terra, polo que a chegada de grupos de turistas a estas zonas, podería poñer en perigo os poucos refuxios que aínda quedan na ría de Pontevedra, especialmente masificada nos meses de verán.

Por outra banda, para a asociación ecoloxista, a aposta forte do proxecto, as viaxes á Illa de Ons en vinte minutos, no que se superan os 60 km/hora, poderían poñer en perigo aos cetáceos que abundan na cabeceira da ría de Pontevedra.

Amigos da Terra non se opón á realización destas travesías, polo que poden supoñer de potencial achegamento aos valores naturais do entorno, pero para que resulte compatible coa sostenibilidade ambiental, deberían evitarse tanto o acceso ás calas illadas como á excesiva velocidade das embarcacións pola ría.