Residuos_acumulados_planta_Sogama

O sistema de incineración que segue a empresa mixta (con capital público e privado) SOGAMA non é viable nin económica, nin ambiental, nin socialmente. Pero a Xunta segue apostando por un modelo fracasado, anunciando a implantación dunha nova incineradora no Sur de Galicia.

O Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, anunciou as dilixencias postas en marcha polo seu equipo, ordenando unha investigación por parte da Policía autonómica. Esta investigación levou á conclusión de que algúns concellos comenten un presunto fraude no envío de residuos reciclables do contedor amarelo.
As reflexións do equipo de medio ambiente puidéronse ler na prensa.1 Entre outras cousas chegaron á conclusión de que os municipios non poden pagar os recibos a SOGAMA no contexto económico actual, que moitos xuntan débedas por case un ano, e que a incineración dos residuos por parte de SOGAMA non é rendible, e por iso cobran unha taxa de 55 euros por Tonelada de bolsa negra.

A incineración lonxe de solucionar o problema dos residuos non fai mais que empeoralo, xa que ó queimar unha mistura de residuos de diferentes tipos, xéranse novos compostos, que saen a través das chemineas da incineradora á atmosfera desprazándose de xeito incontrolado. Algúns destes novos residuos son super tóxicos como o caso das Dioxinas, Bifenilos Policlorados (PCBs), Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs),metais pesados como Chumbo, Cadmio e Mercurio, etc.2 Co perigo para a saúde pública que representan estas sustancias.

A gran cantidade de cinzas xeradas pola incineración tamén é un problema agravado xa que contén altos niveis destas sustancias tóxicas que deben ser acumuladas en vertedoiros de residuos perigosos.
Dende Amigos da Terra celebramos que a consellería de Medio Ambiente por fin poña interese no bo funcionamento dos sistemas de reciclaxe de residuos, tomando medidas con algúns concellos. Instamos a que siga esa mesma axilidade para investigar os niveis de reciclaxe que está a facer SOGAMA, as súas emisións á atmosfera na queima de residuos e o tratamento das cinzas xeradas con esta queima.

Así mesmo dende Amigos da Terra pedimos á Consellería unha reflexión sobre o modelo de tratamento de residuos que se está a facer, así como un cambio de rumbo cara unha aposta clara pola redución; a compostaxe de toda a materia orgánica que se está a queimar actualmente e a descentralización na xestión de residuos, como as mellores solucións para esta problemática.

1 Nova Faro de Vigo

2 Informe Sobre Incineración y Salud Humana. Laboratorios de Investigación de Greenpeace. Universidad de Exeter, Reino Unido