foro_nyeleni_web

Entre o 18 e o 21 de agosto, 400 delegados de 34 estados europeos reuníronse na cidade austríaca de Krems, no primeiro Foro Europeo para a Soberanía Alimentaria. Despois de cinco días de intercambio construtivo e inspirador, o Foro Europeo de Soberanía Alimentaria clausurou as súas sesións. No encontro, que tivo lugar na cidade de Krems, adoptouse a primeira Declaración Europea pola Soberanía Alimentaria.

Preto de 400 delegadas e delegados de 34 estados europeos comprometéronse a fortalecer a súa capacidade mutua para reclamar un control da cidadanía sobre os sistemas alimentarios, a enfrontarse ao sistema agroindustrial e a expandir e consolidar un movemento europeo forte en favor da Soberanía Alimentaria.

Máis de 120 organizacións e persoas a título individual, representantes da sociedade civil e de movementos sociais, debateron sobre os impactos das políticas europeas e globais actuais. Xuntas desenvolveron unha ampla alianza e un conxunto de principios para conseguir a soberanía alimentaria en Europa. O Foro resaltou a contribución da xente nova, das mulleres e dos produtores e produtoras de alimentos, cuxas preocupacións non son consideradas frecuentemente.

Por parte do Estado Español, participaron no Foro 22 representantes de organizacións agrarias, ecoloxistas, de consumidores e de cooperación agrupadas na Plataforma Rural.

A diversidade e a riqueza das experiencias permitiron ao Foro Europeo de Nyeleni 2011 identificar un marco común e definir un plan de acción conxunto, baseado nun proceso democrático e participativo. A declaración proclama o convencemento de que “un cambio no sistema alimentario é un primeiro paso cara a un cambio máis amplo nas nosas sociedades”. As persoas delegadas do foro comprometéronse cunha activa e definitiva participación no sistema alimentario mediante:

1) O traballo dirixido a un modelo de sistema alimentario sustentable ecoloxicamente e socialmente xusto, baseado en pequenas explotacións e modelos de transformación e distribución alternativo de alimentos non industriais.

2) A través da localización do sistema de distribución de alimentos, a creación de circuítos curtos e o fortalecemento da relación entre produtores e produtoras e a cidadanía en xeral.

3) A través da mellora das condicións sociais e laborais, en particular no campo da alimentación e da agricultura.

4) A través da democratización da toma de decisións sobre o acceso aos bens comúns (a terra, a auga, o aire, as sementes, a biodiversidade, o coñecemento tradicional e as razas gandeiras).

5) Asegurando que as políticas públicas garantan a todos os niveis a vitalidade do medio rural, prezos xustos e estables para as persoas que producen alimentos e en xeral unha alimentación sa e libre de organismos modificados xeneticamente para toda a cidadanía.

Nesta época de déficit democrático e de crise económica e social, as delegadas e os delegados do Foro de Nyeleni reafirmaron a súa visión de unidade que resalta os dereitos das persoas a definir os seus propios sistemas e políticas agrícolas e alimentarias, sen prexudicar ás persoas ou aos nosos bens comúns prezados, segundo os principios da Soberanía Alimentaria.

Declaración Foro de Nyeleni