lei_agua

As 5 ONG ecoloxistas do Consello Asesor de Medio do MARM, WWF, SEO/BirdLife, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Amigos de la Tierra rexeitan a modificación da Lei de Augas aprobada no último Consello de Ministros ao considerar que é anticonstitucional, rompe a unidade de conca e presenta graves irregularidades formais. As ONG esixen a retirada do Real Decreto Lexislativo e un debate público sobre a política de augas deste país.

O Consello de Ministros, do 26 de agosto, aprobou, por sorpresa, un Real Decreto Lei polo que se reforma o Texto Refundido da Lei de Augas para que as Comunidades Autónomas poidan asumir competencias en materia de policía de dominio público hidráulico. Inicialmente será aplicable para Cataluña, Aragón e Andalucía ao telo previsto nos seus estatutos. Trátase dunha reforma que tiña que ter sido debatida preceptivamente no Consello Nacional da Auga e no Consello Asesor de Medio.

A modificación supón ceder ás Comunidades Autónomas as competencias de control e vixilancia que, ata agora, nas concas intercomunitarias, corresponden ás Confederacións hidrográficas do Ministerio de Medio, Medio Rural e Mariño, quedando polo tanto o cumprimento das políticas de auga nas Comunidades Autónomas. A xuízo das ONG ecoloxistas trátase dun paso máis do goberno para desmantelar calquera posibilidade dunha política estatal de auga.

Con esta modificación, o Estado, que ata agora defendeu de forma sistemática a exclusividade constitucional desta competencia ante o Tribunal Constitucional, dá un xiro de 180º e renuncia ás súas competencias.

As ONG tamén critican a precipitación coa que se levou a cabo esta modificación, empregando un mecanismo, o Real Decreto Lexislativo que a Constitución só reserva para asuntos “de extraordinaria e urxente necesidade”. Dado que as Cortes teñen que referendalo nun prazo inferior a 30 días, as ONG solicitarán aos grupos parlamentarios que se opoñan a esta modificación e que defendan a competencia exclusiva da Administración Xeral do Estado na policía do Dominio Público Hidráulico nas concas intercomunitarias. No caso de aprobarse nas Cortes, as ONG acudirían ao Valedor do pobo para que o recorra ante o Tribunal Constitucional.