pechaogrifo

Amigos da Terra propón ao Concello e a cidadanía medidas concretas para o aforro e uso eficiente da auga, máis racionais e sensatas que esnaquizar e secar os ríos da comarca.

A tendencia do cambio climático evidencia que estes episodios de secas prolongadas serán cada vez máis frecuentes na nosa terra. É imprescindible iniciar de xeito inmediato as medidas técnicas e educativas para instalar unha nova cultura da auga en Galicia que a considere como un ben cada vez máis escaso. 

Os cálculos de capacidade de auga dos encoros de Zamáns e Eiras son igualmente ficticios, pois a erosión e sedimentación non corrixida durante décadas mostran que, facendo un cálculo optimista, xa perderon un 30% da súa capacidade. Aproveitar esta circunstancia de seca para reparar diques, prever fugas de auga e dragar os encoros sería unha mostra de racionalidade que, nin Xunta nin Concello, parecen querer asumir.

Pola contra, reducir o caudal ecolóxico do río Zamáns a un 5% e do Oitabén ao 7% antes de aplicar medidas contundentes para a redución do consumo, a eficiencia e a restrición do uso da auga e un absoluto atentado ecolóxico, que Amigos da Terra denunciará ante a Unión Europea, propio da prepotencia dun Alcalde e da irracionalidade dun Conselleiro de Medio Ambiente que consideran á natureza como un simple obxecto ao servizo dos seus caprichos.  ormular un transvase entre ríos sen aplicar previamente medidas contundentes de aforro e un paso máis nesta escalada da irracionalidade.

Amigos da Terra propón algunhas medidas que deberían aplicarse de xeito inmediato ante a crise da auga.

Para o Concello e outras administracións, que deben usar a auga de xeito eficiente pero teñen, ademais, a obrigación de dar exemplo á cidadanía:

  • Desconectar os regos automáticos dos xardíns cando a previsión meteorolóxica prognostique choivas e non reiniciar eses regos ata varios días despois en función do nivel de precipitacións. Nunca regar nas horas centrais do día.
  • Suspender durante o período de seca os baldeos nas rúas, aínda que isto supoña que a cidade non consiga outra escoba de prata, cousa que indirectamente tamén vai a supoñer un importante aforro económico.
  • Desconectar as fontes ornamentais da cidade. Aínda que algunhas son de ciclo pechado sempre existen perdas de auga por filtración, evaporación ou desprazamento polo vento que se compensan a través da rede. Ademais desconectar esas fontes aporta ante a cidadanía unha imaxe exemplar de coherencia e responsabilidade institucional.
  • Instalar perlizadores e aireadores para uso eficiente da auga en todas as dependencias municipais.
  • Revisar minuciosamente todas as arquetas, canalizacións, fontes e tomas de auga das rúas para detectar e reparar perdas.
  • Redefinir o recibo da auga, de xeito que se incremente expoñencialmente o pago por exceso de consumo.
  • Planificar, e anunciar con tempo, un posible calendario de restrición da auga (modificable en función das circunstancias) aplicado de xeito gradual.
  • Editar un bando municipal anunciando estas medidas propias do Concello e as recomendacións para a cidadanía.

Cando as circunstancias o demandan, as restricións da auga nas vivendas lonxe de ser un drama son unha oportunidade excelente para a concienciación e a educación ambiental da cidadanía si se sabe aproveitar o proceso didácticamente“, sinala Antón Lois, vogal de comunicación de Amigos da Terra.

Para o conxunto da cidadanía, entre as moitas medidas posibles:

  • Pense (un 70% do seu cerebro e auga) e infórmese. Descubrirá por exemplo que solo o 3% de toda a auga do planeta e auga doce, e que soamente un 1% desa porcentaxe e apta para o uso humano. Menos dun 0´007% da auga do planeta e apta para beber.
  • Sinta (un 80% da súa sangue e auga). Segundo Nacións Unidas, un neno ou nena morre cada 15 segundos por problemas derivados da auga
  • Instale perlizadores aireadores nas billas e duchas. Non notará a diferenza e aforran un 30% de auga.
  • Podemos reutilizar unha gran cantidade da auga que usamos. A auga da ducha pode reutilizarse nos sanitarios, a auga de limpar os vexetais e apta para fregar ou regar.
  • Use con moderación os servizos hixiénicos, se non ten instalados sistemas de dobre descarga na cisterna é unha boa oportunidade para facelo, son baratos e eficientes. O 25% da auga que entra na súa casa se utiliza na cisterna.
  • Ducha (breve) mellor que baño, e peche as billas mentres limpa os dentes.
  • Agarde a ter completamente cargada a lavadora e o lavalouzas antes de conectalos. Cando teña que renovalos escolla sempre os aparatos que acrediten uso eficiente de auga e enerxía.
  • Convértase nun “inspector de fugas”. Comprobe o que marca o contador da auga cando vaia a saír de casa ou pola noite, cando teña a garantía de que non se vai a usar auga na súa vivenda. Cando volva a casa comprobe de novo o contador antes de abrir ningunha billa… se aumentou a lectura vostede ten unha fuga de auga. Localice e corrixa esa fuga. Recorde que unha simple pingueira dunha billa son centos de litros de auga que se perden cada ano.
  • Fágase un axente activo na limpeza da auga. Modere o uso de deterxentes e que estes sexan biodegradables, non verta nunca aceites nin produtos químicos contaminantes polos fregadeiros.
  • Evite os usos superfluos da auga: Piscinas, lavado de coches, fontes de xardín etc.

Aforrar auga e un xesto solidario con nós (pois as próximas guerras xa non serán polo petróleo senón pola auga), coa vida no planeta (pois é un ben cada vez máis escaso) e con as xeracións futuras.