golfo_foto_nia

Dende hoxe e ata o vindeiro 30 deste mesmo mes, o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) de Oleiros (A Coruña) acolle a exposición “Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO.

Amigos da Terra e AGARESO, a través dun convenio de colaboración, comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización para dar a coñecer en Galicia o traballo que a asociación ecoloxista leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible. O primeiro paso foi a expedición de cinco reporteiros rumbo ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que a asociación está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten a xestión e uso desa área xeográfica, un ecosistema que destaca pola súa biodiversidade mariño-costeira.

Neste proxecto, durante doce días os compoñentes de AGARESO tiveron a oportunidade de entrevistarse cas cooperativas de pescadores artesanais, con responsables de empresas galegas que contan con instalacións en O Salvador, institucións locais, cooperativas de mulleres e as contrapartes de Amigos da Terra, recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos, como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.

As 61 fotografías que engloban a mostra, realizadas por el fotógrafo de AGARESO, Carlos Puga, reflexan as primeiras impresións e vivencias deste grupo de reporteiros durante a súa visita aos proxectos da asociación ecoloxista.

A mostra permanecerá no Castelo de Santa Cruz (sede do CEIDA), ata o vindeiro 30 de setembro e poderá visitarse de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas de luns a venres, e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.