vert200

Unha vez máis o río Barbaña sufriu un novo verquido, e vemos como xa é unha tradición volvendo a estar contaminado como consecuencia da mala xestión da depuradora do concello de San Cibrao, sen que este tome as medidas oportunas para evitar estes feitos reiterativos e previr as graves consecuencias dos mesmos.

Temos que sinalar que dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa manifestou anteriormente a “reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao”, sendo este sancionado en múltiples ocasións dende os anos 2006 á actualidade polo incumprimento das autorizacións de verquidos.

Así, lembramos a ultima sanción imposta ao concello de San Cibrao das Viñas, con máis de 114.000 euros polos verquidos realizados ao rio Barbaña en marzo de 2010, e aínda queda pendente unha resolución sancionadora moito máis grave dos verquidos producidos en xuño de 2009 que causaron a morte piscícola de 17.000 especies e danos á flora de ribeira.

Dende Amigos da Terra esiximos a recuperación ambiental do Barbaña e tamén demandamos a aplicación de outro tipo de sancións denominadas funcionais, como a revocación de autorizacións ou o peche de instalacións alén da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan ao medio ambiente.