rios_limpos_

Diante dos últimos verquidos producidos ao canle do Rio Barbaña, dende a Plataforma Rios Limpos, da que forma parte  Amigos da Terra,  consideramos insultante a repetición continua dos verquidos, e desleixo que se produce por parte das distintas Administracións Públicas con competencias na conservación, vixilancia e custodia dos ecosistemas fluviais (Concellos, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Consellerías da Xunta de Galicia, Fiscalía…).

O Río Barbaña hoxe é un canle fluvial biolóxicamente morto debido aos constantes verquidos de todo tipo de substancias por parte de industrias, obras de construción, particulares…situación inexplicable e inxustificable nun país da Unión Europea, inxustificable polo incumprimento reiterativo de toda a lexislación que hai ao respecto.

Inxustificable tamén nos resulta a actitude das Administracións Públicas que miran para outro lado en vez de rematar cos verquidos e a impunidade con que actúan os culpables, lembramos que hoxe hai medios materiais, técnicos e humanos para detectar os verquidos e tamén para eliminalos e evitalos.

Despois do investimento de diñeiro público no “sistema de control de verquidos” por parte da Deputación de Ourense (sistema presentado o pasado día 23), Rios Limpos imaxina que a institución provincial xa mandaría os resultados da súa análise e a detección dos últimos verquidos á Fiscalía, a Confederación Hidrográfica, ao xulgado…para rematar coa impunidade dos delincuentes medio ambientais.

Os verquidos ao Barbaña dos últimos días (verquido do día 26, e verquidos continuados dende o 17 ao 19 de xaneiro de 2012) catro días continuados de verquidos contaminantes a un canle fluvial ¿serán ou non serán delito?. Estes feitos demostran unha vez máis a situación terceiromundista na que se atopa o sistema de depuración de augas urbanas e industriais dos concellos e polígonos industriais que verquen as súas augas ao Barbaña. ¿Que imaxe se da dunha cidade e dunha provincia que trata de potenciarse como Cidade Termal e provincia balnearia?, a triste realidade é que non coidamos precisamente o recurso “auga” da forma axeitada.

Recentemente a Unión Europea publicou un informe no que reflectía que: “había instalacións construídas para o 96% da carga contaminante que soportan os ecosistemas acuáticos da U.E.”, tendo en consideración a situación que soportan a cotío os ecosistemas fluviais da cidade e provincia de Ourense evidenciase que nós estamos nese 4% dos incumpridores.

Á contaminación continuada que soporta o Barbaña son de aplicación os seguintes fundamentos de dereito: Os obxectivos ambientais do Plan Nacional da Calidade das Augas que ten como finalidade cumprir a Directiva Marco da Auga, o Decreto 174/1994, sobre control de verquidos para a protección do dominio público hidráulico e a Lei de Augas, aprobada por RD Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo e a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

A Plataforma Rios Limpos diante da situación creada vai a presentar de novo denuncias diante dos organismos competentes, e unha serie de medidas que consideramos imprescindibles para rematar cós verquidos e coa impunidade coa que actúan os agresores do dominio público hidráulico.