Gonipterus_scutellatus_GaliciaAmigos da Terra manifesta o seu rexeitamento á proposta anunciada pola Xunta de Galicia de realizar fumigacións con Flufenoxuron (agrotóxico químico de síntese) sobre monocultivos de eucaliptos en Melide para combater pragas forestais que por outra parte son lóxicas e inevitables neste tipo de cultivos.

 

Para a asociación ecoloxista, a invasión do Gonipterus (o insecto defoliador do eucalipto) non é o problema, senón a consecuencia lóxica do erro inicial, que son os monocultivos de eucalipto, pois cada monocultivo leva inevitablemente asociada a súa praga. Un monocultivo, como antítese da biodiversidade, sempre atopa un parasito oportunista que medre sen control.

 

Nunca un problema ambiental se soluciona engadíndolle outro

As fumigacións aéreas de pesticidas sumarán unha agresión máis que multiplicará os danos á flora, fauna e solos. Os efectos das fumigacións aéreas de pesticidas químicos resultan incontrolables, pois unha parte da substancia tóxica invade as zonas próximas, tanto espazos naturais como zonas de cultivo. Os efectos son persistentes nos solos e nas augas subterráneas e intégranse na cadea alimenticia, contaminando exponencialmente a outras plantas, insectos, aves insectívoras e mamíferos.

 

Economicamente a súa utilización é absurda, e máis en monocultivos forestais para pasta de papel cun prezo de mercado en descenso, a menos que, como sospeitamos neste caso, se trate de liquidar excedentes de produción. Por outra parte, calquera cultivo que conte con certificación ecolóxica nas proximidades o perderá si se producen as fumigacións nas súas inmediacións.

 

O máis elemental principio de precaución debería impedir que se liberasen no medio substancias que se encontran dentro da moratoria europea de compostos orgánicos persistentes e que moi probablemente desaparecerán en aplicación da directiva 91 / 414 / CEE e RD 255 / 2003 sobre agrotóxicos.

 

A Xunta de Galicia debería apostar por outra política de desenvolvemento de zonas rurais, que fixasen poboación e potenciasen os usos da terra compatibles coa conservación dos valores ambientais, en lugar de promover políticas que, ao contrario, envelenan os chans e expulsan a poboación, xerando exclusivamente beneficios ás grandes corporacións de agroquímicos.

 

Amigos da Terra solicita á Consellería de Medio Rural que non autorice en ningún caso as fumigacións aéreas de pesticidas, e moito menos cando se trata de substancias químicas de síntese como o Flufenoxuron, cuxa utilización está a punto de ser prohibida polos seus probados efectos tóxicos e bioacumulativos para a saúde humana e ambiental.