rios_limpos_A Plataforma Rios Limpos acaba de denunciar diante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, SEPRONA e Policía Autonómica o verquido continuo que se produce no regato que pasa pola Zamorana e por Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas). Verquido de augas fecais e outros produtos contaminantes do sumidoiro que recolle as augas do polígono do Pereiro de Aguiar.

Rios Limpos considera insultante esta situación, repetición continua dos verquidos, desleixo que se produce por parte das distintas Administracións Públicas con competencias na conservación, vixilancia e custodia dos ecosistemas fluviais (Concellos, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Consellerías da Xunta de Galicia, Fiscalía…). Insulto maior se temos en consideración o recente investimento de 804.000 euros de diñeiro público para detección de verquidos ilegais.

O verquido prodúcese no sumidoiro que recolle as augas do Polígono de Pereiro de Aguiar xusto a carón deste polígono empresarial (achegáronselle as coordenadas aos organismos oficiais), as augas contaminadas descorren polo regato que pasa pola Zamorana e por Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas), regato afluente do Barbaña.

Lembramos que recentemente foi presentado pola Deputación de Ourense e a Consellería de Medio Ambiente un “Plan para detectar en tempo real os verquidos potencialmente perigosos nos polígonos de Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Barreiros” O Sr. Conselleiro Agustín Hernández na presentación explicou que: “O plan ten por obxecto identificar en tempo real calquera verquido…así como a optimización do funcionamento do sistema de depuración das depuradoras…”

Esta actuación custou (segundo os datos facilitados pola Deputación e a Xunta de Galicia o 23/02/2012) 804.000 euros, como sempre diñeiro público para unha actuación inútil.

O verquido continuado denunciado, prodúcese a escasos 3 quilómetros dunha das estacións de control, estacións en teoría para detectar os verquidos e neste caso unha delas situada no regato onde se produce esta contaminación continua.

Despois do investimento de diñeiro público no “sistema de control de verquidos” por parte da Deputación de Ourense (sistema presentado o pasado 23-02-2012), Rios Limpos imaxina que a institución provincial xa mandaría os resultados da súa análise e a detección deste verquido á Fiscalía, a Confederación Hidrográfica, ao xulgado…para rematar coa impunidade deste delito.

Ríos Limpos considera que unha vez máis estamos diante dunha situación que demostra a incompetencia e desleixo dos responsables institucionais encargados de velar e facer cumprir a normativa medioambiental.

Ríos Limpos tamén considera que non se pode seguir investindo diñeiro público a chou, máis de 800.000 euros investidos, en que sistema? se o verquido que acabamos de denunciar observase a simple vista, é continuo e nin se ten denunciado nin se soluciona.

Recentemente a Unión Europea publicou un informe no que reflectía que: “había instalacións construídas para o 96% da carga contaminante que soportan os ecosistemas acuáticos da U.E.”, tendo en consideración a situación que soportan a cotío os ecosistemas fluviais da cidade e provincia de Ourense evidenciase que nós estamos nese 4% dos incumpridores.

A este novo verquido son de aplicación os seguintes fundamentos de dereito: Os obxectivos ambientais do Plan Nacional da Calidade das Augas que ten como finalidade cumprir a Directiva Marco da Auga, o Decreto 174/1994, sobre control de verquidos para a protección do dominio público hidráulico, a Lei de Augas, aprobada por RD Lexislativo 1/2001, de 20 de xullo e a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.