xures_01Amigos da Terra rexeita rotundamente todas aquelas “tradicións” que se basean en crueis espectáculos que levan implícito o maltrato animal. Para a asociación ecoloxista ningunha presunta tradición nin cultura (sexa galega ou española) é compatible nin pode xustificar a tortura. Polo demáis no caso do Concello de Muiños prodúcese o agravante de ilegalidade reiterada pois dita actividade xa foi sendo sancionada dende fai anos como infracción moi grave con base na Lei 1/93 de protección animal.

Amigos da Terra non alcanza a comprender como un Concello incluído na Carta Europea de Turismo Sostible do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, non contempla no seu programa de festas de verán alternativas educativas e sostibles, promovendo o patrimonio cultural e natural da zona.

O rexedor de Muiños ignora tamén que as denuncias e protestas dos colectivos ecoloxistas e animalistas contra ás touradas se producen constantemente, xustamente nestas datas, tanto en grandes cidades coma A Coruña, Pontevedra… coma en pequenas vilas como en Allariz, Sarria… A tortura non e máis ou menos admisible en función da demografía.

Amigos da Terra invita a todolos concellos que organizan actividades con animais a que exploren outro tipo de festexos que sen dúbida darían realce ás súas festas e unha gran proxección turística, como por exemplo a “chega de alcaldes” na que edís de vilas próximas disputasen as súas diferenzas a cabezadas, ou ben “a solta de concelleiros” na que a corporación municipal podería correr polas rúas da vila perseguidos polo pobo que lles encirraría con xornais enrolados ata conducilos ao edificio consistorial.