mazorcazoAmigos da Terra celebramos xunto con outras organizacións en todo o Estado a V Semana de Loita contra os Transxénicos e pola Soberanía Alimentaria. O mércores 17 de abril, Día Internacional das Loitas Campesiñas, continuamos a nosa labor de solicitude de “Zona Libre de Transxénicos” nos concellos galegos, cun acto reivindicativo no Concello de Vigo.

Ademais, promovemos como alternativa a defensa da soberanía alimentaria, convidándovos a participar na horta comunitaria en Ourense, o sábado 27 de abril.

O Día Internacional das Loitas Campesiñas pretende lembrar a masacre de 19 campesiñas e campesiños que loitaban polo acceso á terra e a xustiza en Brasil en 1996. Cada ano, nesta data tan sinalada, as comunidades campesiñas e indíxenas de todo o mundo así como organizacións sociais unímonos para reclamar os dereitos de acceso e uso das terras e denunciar o actual sistema agroalimentario; un modelo industrial que defende os intereses das grandes corporacións e destrúe a agricultura tradicional, o medio ambiente e a biodiversidade.

En contraposición a este modelo obsoleto defendemos a soberanía alimentaria, o dereito dos pobos a definir as súas propias políticas agrarias e alimentarias dacordo a criterios de desenvolvemento sustentable e co obxectivo de garantir a seguridade alimentaria; baseandonos na produción local, ecolóxica e de economía familiar que respete o acceso e o dereito dos pequenos/as labregos/as.

Participa con Amigos da Terra nos actos de Vigo e Ourense!

Mércores 17 de abril. Entrega no Concello de Vigo da “Declaración de Zona Libre de Transxénicos” e acto de rúa.

Sábado 27 de abril. Xornada de traballo en horta comunitaria. En defensa dun modelo alternativo de agricultura e consumo, queremos convidarvos a partir das 10:30 na horta, situada no barrio do Polvorín.

Para apuntarvos, escribide a cooperacion@amigosdaterra.net

Se queredes saber máis sobre os transxénicos, coñecede tamén a campaña de Amigos de la Tierra Únicos en Europa