080513_verquidos_rios_ourenseOs sistemas de depuración de augas de Ourense e San Cibrao das Viñas non están a evitar a contaminación química nos ríos Miño e Barbaña, que xunto cos reiterados verquidos de augas residuais, están a acabar coa biodiversidade. Dende Amigos da Terra convidamos aos/ás técnicos/as e xestores/as destes concellos a que participen no curso que se levará a cabo en As Corcerizas sobre sistemas de enxeñeiría biolóxica, fitodepuración, que poderían mellorar a súa eficiencia.

Amigos da Terra pon en marcha un curso de tratamentos biolóxicos de augas residuais como unha alternativa ecolóxica, de baixo custe de implantación e coa que se reducen emisións de CO2 ademais de xenerar un novo recurso hídrico. Estos sistemas poderían supoñer unha mellora da rede de saneamento así como das actuais depuradoras municipais baseadas en técnicas convencionais.

 

O curso está pensado tamén para todas aquelas persoas interesadas en coñecer e/ou implantar alternativas naturais para a depuración de augas dos seus fogares e proxectos, xa que con esta formación as/os participantes desenvolverán a capacidade técnica necesaria para poder acometer con éxito a construción, mantemento e xestión dun sistema de depuración de augas doméstico sustentable.

080513_curso_biodepuracions

 

Coa idea de identificar a opción máis apropiada contaremos co profesional Javier Santiago, que exporá as bases da fitodepuración e presentará alternativas viables para poder construir e autoconstruir o noso propio filtro.Teremos como exemplo práctico o sistema implantado no ano 2006 en As Corcerizas, o filtro de macrofitas en flotación. Tratase dun sistema autónomo que devolve a auga limpa ao medio a través de plantas acuáticas da familia das “macrofitas” (espadainas, xuncos, lirios amarelos ou platanarias). Estas plantas que de forma natural atópanse enraizadas no terreo, aquí se transforman en flotantes; grazas ao osíxeno que inxectan as follas das propias plantas, as raíces crean ao seu redor un ambiente osixenado que favorece a unión dunhas bacterias microbianas. Estas son as que absorben e se nutren das cargas contaminantes e da materia orgánica, devolvendo a auga limpa ao medio.

  • Datas: sábado e domingo, 25 e 26 de maio de 2013
  • Duración: 11h presenciais
  • Prezo: 60€ a matrícula
  • Máis información: info@ascorcerizas.com