onu acuerdo historicoA ONU aproba unha resolución histórica para loitar contra as violacións de Dereitos Humanos perpetradas por multinacionais.

O Consello de Dereitos Humanos da Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobou onte 26 de xuño, en Xenebra, unha resolución histórica para establecer un grupo de traballo intergobernamental baixo o mandato de elaborar un instrumento internacional legalmente vinculante que obrigue ás grandes transnacionais e a outros investidores a cumprir as normas para protexer os dereitos humanos.

A coalición de movementos sociais, que instaba a ONU a aprobar o acordo vinculante durante a 26ª sesión do Consello de Dereitos Humanos, considera esta decisión como unha vitoria sen precedentes para as vítimas das violacións de dereitos humanos e os movementos sociais.

As organizacións sociais do Estado español presentes en Xenebra (Amigos de la Tierra, Col·lectiu RETS, Ecoloxistas en Acción, Observatorio das Multinacionais en América Latina – Paz con Dignidade, Observatorio da Débeda na Globalización e HEGOA-Instituto de Estudos sobre Desenvolvemento e Cooperación Internacional) sinalan que “grazas á mobilización social, á resistencia das organizacións afectadas pola violación sistemática de dereitos humanos, se conseguiu este logro”.

onu acuerdo historico

Máis de 610 organizacións de 95 países forman parte da alianza, que esixía a creación dun grupo de traballo intergobernamental para elaborar no prazo de dous anos normas internacionais vinculantes para rematar cos abusos das multinacionais que operan sen respectar os dereitos humanos, presentada por Ecuador e Sudáfrica.

O acordo saíu adiante con 20 países a favor, 14 en contra e 13 abstencións. Durante a votación quedou en evidencia que países poñen os intereses privados dunhas poucas empresas por enriba do interese xeral, como os países da Unión Europea, ou Estados Unidos e Xapón, e cales defenden os dereitos humanos.

A Unión Europea e Estados Unidos, que rexeitaron o acordo, non só confirmaron o seu desprezo polas leis internacionais de Dereitos Humanos, senón que converteron os seus gobernos en cómplices das violacións de dereitos humanos perpetradas polas multinacionais.

Os crimes contra a humanidade, cometidos por empresas transnacionais, nin poden suceder, nin poden quedar impunes. É unha demanda das vítimas destas violacións aos dereitos humanos e dunha gran parte das organizacións e movementos sociais do mundo.

A pesar da noticia positiva, a alianza da sociedade civil considera que o resultado do grupo de traballo dependerá de dar continuidade á presión da sociedade civil e ás mobilizacións. “Esta votación foi só a vitoria dunha batalla parcial”, engaden.

Esta semana en Xenebra, tamén se celebraba o Tribunal Permanente dos Pobos onde se presentaron 12 casos de violacións sistemáticas de dereitos humanos cometidas por grandes empresas, como Chevron-Texaco en Ecuador, Shell en Nixeria, a israelí Mekorot en Palestina, a suíza-inglesa Glencore Xstrata en 7 países, Lonmine en Sudáfrica, Cocacola en Colombia e o caso dunha empresa española, Hidralia, en Guatemala.