zepa limia
Para Amigos da Terra Galicia o peche do centro -Centro Tecnolóxico Medio ambiental de COREN- (CTM) que trataba 120 millóns de litros de xurro ao ano na bisbarra ourensán de A Limia, é unha mala noticia para os gandeiros galegos, para o medio ambiente e para a imaxe do sector e do país.


Fai escasos 7 anos presentouse o CTM COREN como un centro pioneiro a nivel europeo, centro similar a outros xa existentes en Italia, Dinamarca ou Holanda. Un centro que ía supoñer a eliminación dos problemas de contaminación por xurros procedentes de explotacións gandeiras (principalmente explotacións de porcino). 120.000 toneladas métricas de xurros tratadas ao ano transformadas en 15.000 toneladas métricas de abono orgánico e a produción ao mesmo tempo da electricidade consumida por unhas 20.000 persoas. Díxose entón: “A planta constitúe unha solución que permite súa sostenibilidade no tempo, vai a ser o referente europeo en canto ao desenvolvemento rural sostible…”.

O CTM COREN ía tratar os residuos gandeiros das explotacións situadas nun radio de 30 quilómetros, unha situación estratéxica do centro posto que o 60% das explotacións de porcino de COREN sitúanse na bisbarra da Limia.

Co peche do CTM COREN na antiga Lagoa de Antela as preguntas son varias e seguro que non van a ser contestadas.

_ Como se van a tratar os máis de 120 millóns de litros de xurro que deixan de chegar ao CTM COREN?

_ Que terreos son os dispoñibles para absorber estes residuos gandeiros, con forte poder contaminante, se non se realiza un tratamento previo?

_ Quen vai asumir o custe medio (40.000/45.000 euros por explotación) dos residuos que xenera cada unha das granxas afectadas?

_ Fai uns días que se presentou o programa “LIFE-Rexenera Limia” cun orzamento de 2.000.000 millóns de euros, como a Unión Europea vai financiar un programa medio ambiental de tratamento de residuos gandeiros se a planta pioneira pecha con só 7 anos de funcionamento?

Dende Amigos da Terra Galicia, aínda non sendo o modelo de produción gandeira polo que hai que apostar, consideramos que o peche do CTM COREN é unha moi mala noticia que vai afectar ao sector gandeiro e é unha moi mala noticia para o tan mal tratado medio ambiente posto que 120 millóns de litros de xurros van a ser tirados no medio sen nengún tipo de tratamento.