xustizaDesta forma contradí o anuncio realizado polo ministro de Xustiza no Congreso hai un ano.

O PP negouse a aprobar unha emenda da oposición tanto na Lei de Axuizamento Civil como na de Patrimonio Natural e da Biodiversidade que recollía este punto.

As ONG ambientais SEO/BirdLife, WWF, Ecoloxistas en Acción e Amigos de la Tierra denunciarán o Goberno español ante a Unión Europea.


O Partido Popular opúxose
a seman pasada no Senado a aprobar unha emenda presentada pola oposición (PSOE, IU e Entesa) para eliminar as trabas ao acceso á xustiza en materia ambiental. Esta emenda, que defende o acceso á xustiza gratuíta para as ONG ambientais -as mellores garantes da protección ambiental nos tribunais-, non só tiña por obxecto cumprir coa directiva europea de acceso á xustiza, senón tamén eliminar as trabas que puxo o propio PP coa Lei de taxas.

Segundo Juan Carlos del Olmo, secretario xeral de WWF, sorprendeunos o bloqueo por parte do Partido Popular no Senado xa que tanto o ministro Arias Cañete como a actual ministra se comprometeron a actuar e a recoñecer este dereito das ONG ambientais; o propio ministro Gallardón anunciou a xustiza gratuíta en materia ambiental no Congreso, e así recólleno as actas”.

Paco Segura, coordinador de Ecoloxistas en Acción, considera que “este é un paso máis na política do Goberno e do Partido Popular de poñer trabas aos cidadáns para dificultarnos o acceso á xustiza. No caso do medio, ademais, fano en contra da lexislación europea”.

“Esta decisión do Partido Popular obríganos a levar este caso ante a UE. É triste que no noso sistema legal os deputados e senadores poidan votar a sabendas de que algo é inxusto e ilegal e non se poida facer nada máis” declarou Liliane Spendeler, directora de Amigos da Terra.

Pola súa parte, Asunción Ruiz, directora executiva de SEO/BirdLife, sinala que “no seu momento aplaudimos a decisión de Gallardón de asegurar a xustiza gratuíta ás ONG ambientais, pero agora comprobamos que, lamentablemente, o Goberno incumprirá este importante compromiso. Isto desarmaranos na defensa do ben común e no do dereito de todos os españois a un medio axeitado, recollido no artigo 45 da nosa Constitución”.

O acceso á xustiza en materia ambiental é un dereito consolidado dende a ratificación do Convenio de Aarhus por parte de España e da Unión Europea que se ve vulnerado pola Lei de Taxas e a reforma da Lei de xurisdición contencioso administrativa. Convén recordar que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea xa condenou a Reino Unido por ser a xustiza en materia ambiental demasiado onerosa para os recorrentes e demasiado imprevisible.